Dende comezos desta semana, o plató de Zenith Televisión, no Polígono Sur de Milladoiro, acolle a rodaxe dunha nova temporada, a terceira, do programa de TVG, “Doa a Doa”, un novo formato creado por IBISAtv e pensado para manter viva na pequena pantalla a tradición oral galega.
“Doa a doa”, que está a emitir TVG todos os domingos ás nove e media da noite, conta esas pequenas historias de vida que moitos de nós coñecemos porque nolas contaron os nosos avós, un patrimonio oral e unha riqueza histórica e documental que se está a perder e que é necesario conservar, pois forma parte da nosa íntima memoria.

O programa, cunha audiencia media dun 15% de share, emítese despois do Telexornal 2 de TVG e antes de “Historias de Galicia” e “Libro de familia”, logrando a mellor media de audiencia de tódalas canles autonómicas os domingos pola noite e superando as canles nacionais. “Doa a doa” está dirixido por Valentín Carrera e conta co asesoramento de Elena G. Gálkina, deseño de Uqui Cebra e música orixinal de Faltriqueira. O equipo está integrado por Carlos Vázquez e Rosa Gómez Limia, como entrevistadores.

Nas dúas primeiras temporadas, “Doa a doa” contou con personaxes coñecidos como Avelino Pousa Antelo, Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Xesús Alonso Montero, Fernández Albor, Seivane, Antía Cal, Arsenio Iglesias, Mª Carmen Kruckemberg, Monseñor Cerviño… Estas caras coñecidas que relatan historias da súa infancia e adolescencia, mesturaranse con campesiños, mariñeiros, mestres, amas de casa, emigrantes ou exiliados.

A rodaxe desta terceira temporada de “Doa a doa” foi presentada onte nos estudios de Zenith TV, no decurso dunha rolda de prensa que contou coa asistencia do Alcalde de Ames, Carlos Fernández, quen subliñou o interese do Concello por implicarse no apoio do sector audiovisual, xa que nestes momentos no municipio de Ames hai mais dunha ducia de empresas audiovisuais que abranguen tódalas especialidades.

Ademais da produtora de “Doa a doa”, IBISAtv, e dos platós de Zenith TV, deste “Ames audiovisual” forman parte Cinemar, o primeiro estudio de son Dolby de Galicia, ou Esceneset, TV7, Video Zetra, Ficción Producciones, Tesec, Isabella Audiovisual, ou mesmo o Cluster do Audiovisual, a maioría deles ubicados no Polígono do Milladoiro.

En canto a rodaxe de “Doa a doa”, ata mediados de abril gravaranse un cento de novas entrevistas por toda Galicia con testemuñas e vivencias dos nosos na súa infancia e xuventude. Un centenar de avós e avoas nacidos arredor do ano vintesete e, polo tanto, agora en torno aos oitenta anos de idade; persoas entrañables que construíron coas súas vidas unha parte importante da Galicia contemporánea e nos contan como se vivía “daquela” e como cambiaron as cousas ao longo do século XX.

Nesta terceira temporada, e a través deste novo formato de IBISAtv, a TVG voltará a reunir a toda a familia arredor da televisión para escoitar como era a vida dos nosos avós cando eran novos, e con eles o espectador percorrerá a historia recente de Galicia, descubrindo cómo se facía o pan, cómo se vivía a vendima, cómo era a vida nos anos cincuenta…