TUI «ADOPTA» CINEASTAS

2 / 01 / 2009

Play-Doc, Festival Internacional de Documentais abre a convocatoria para participar nun seminario obradoiro impartido polo prestixioso director lituano Audrius Stonys.

Co gallo da celebración da súa quinta edición, o Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, pon en marcha un particular seminario / obradoiro no que os habitantes de Tui serán os protagonistas. Baixo o título O Retrato Filmado, un pequeno número de realizadores retratará a un número de habitantes de Tui e/ou arredores, mediante unha peza documental de curta duración que se proxectará durante o festival. Como parte do exercicio os cineastas serán acollidos polas persoas a retratar e convivir, por uns días, xunto a eles nos seus fogares.

O obxectivo do obradoiro é crear un espazo de reflexión sobre a creación, que sirva para entender como se constrúe a mirada cinematográfica, e a relación que se establece entre quen filma e quen é filmado. O resultado será un conxunto de retratos filmados, que conformarán unha sorte de retrato coral de Tui e os seus habitantes, que deste xeito poderán participar activamente no festival.

Coordinado polo multipremiado director lituano Audrius Stonys e Marta Andreu, produtora e coordinadora académica do Master de Creación Documental da UPF de Barcelona, o obradoiro/seminario “O Retrato Filmado”, levarase a cabo paralelamente ao festival, cuxas datas serán do 18 ao 22 de marzo próximos.

A convocatoria para participar, tanto para realizadores como para os tudenses que desexen vivir esta experiencia, estará aberta desde agora até o 28 de febreiro de 2009. Máis información en www.play-doc.com

Play-Doc prepárase para presentar a súa quinta edición.

En breve darase a coñecer a programación desta nova edición de Play-Doc que unha vez máis, presentará unha interesante selección de películas procedentes de todo o mundo, así como unha serie de eventos paralelos como concertos e exposicións, e algunha que outra sorpresa máis. Play-Doc, no seu quinto aniversario, promete non defraudar.

Categoría: Noticias
Etiquetas: