UN TOTAL DE 11 ESPECTÁCULOS CONVÉRTENSE EN FINALISTAS DOS XVIII PREMIOS MARÍA CASARES DE TEATRO

6 / 03 / 2014

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os nomes dos finalistas aos XVIII Premios María Casares, a gran festa da escena do país que se celebrará o próximo 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os finalistas déronse a coñecer nunha rolda de prensa que se celebrou esta mañá na sede do Consello da Cultura Galega e na que participaron Avelino González, en calidade de presidente da AAAG; Vicky Pérez, vicepresidenta, Guillermo Carbajo, secretario da AAAG e Vicente de Souza, vogal da asociación. En total, 11 espectáculos conseguiron finalmente algún nomeamento nas trece categorías coas que contan os galardóns. Durante o prazo de inscrición aos María Casares, 26 montaxes e 240 profesionais presentaron as súas candidaturas aos trece apartados dos premios: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Eurozone, de Chévere, convértese na produción con maior número de finalistas, ao obter un total de 12 nomeamentos, incluíndo ao mellor espectáculo e á dirección. O home almofada, de ilMaquinario Teatro, aspira a 6 galardóns, entre eles o de dirección e mais o de espectáculo. Bye, Bye Honey, de Obras Públicas e Abrapalabra, e As do peixe, de Abrapalabra, aspiran ao premio en 5 categorías. Estas dúas obras tamén optan ao mellor espectáculo.

Waltz, de Voadora, sitúase como finalista en 4 apartados, mentres que A charca inútil, de Teatro do Atlántico, competirá por 3 María Casares. Os espectáculos C’est la vie, de Matrioshka Teatro; BailadElas, de Teatro Antroido; Criaturas, de Teatro do Aquí; As mil vidas de Matías Housamen, de Teatro de Adro, e Gaivotas subterráneas, de RTA-Voz Audiovisual-Talía Teatro, aspiran a 1 galardón.

Cada espectáculo aspira aos premio nas seguintes categorías:

1. EUROZONE: Mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria por partida tripla (Arantza Villar, Mónica García, Patricia de Lorenzo), mellor actor secundario por partida dupla (Manuel Cortés e Iván Marcos), mellor dirección e mellor espectáculo.

2.O home almofada: mellor iluminación, mellor adaptación-tradución, mellor escenografía, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

3.As do peixe: mellor vestiario, mellor texto orixinal, mellor actriz protagonista, dirección e espectáculo.

4.Bye Bye honey: Mellor música orixinal, mellor texto orixinal, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista e mellor espectáculo

5.Waltz: Mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor música orixinal e mellor escenografía.

6.A charca inútil: Mellor iluminación, mellor música orixinal e mellor adaptación-tradución

7.Criaturas: Mellor actriz protagonista

8.C’est la vie: mellor maquillaxe.

9.BailadELAS: mellor adaptación-tradución.

10.Gaivotas Subterráneas: Mellor actor protagonista

11.As mil vidas de Matías Houseman: Mellor actor protagonista.

Avelino González puxo en valor o traballo da Asociación de Actores e Actrices de Galicia no eido do desenvolvemento do sector e do afianzamento dos dereitos profesionais e destacou a importancia dos premios María Casares, que chega este ano a súa 18ª edición. Pola súa banda, Guillermo Carbajo explicou que, malia as circunstancias que vive todo o sector cultural, os profesionais e as compañías seguen a traballar para ofrecerlle ao público un teatro propio e de calidade. Finalmente, Vicente de Souza e Vicky Pérez deron a coñecer as once montaxes nomeadas e os finalistas en cada categoría.

A cerimonia dos XVIII Premio María Casares celebrarase na noite do 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os galardóns do teatro galego, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), contan coa colaboración, entre outras institucións, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AIGSE ou a Fundación SGAE.

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e os Premios María Casares

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa na actualidade a 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia. A súa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector, en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público.

Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 1997 co obxectivo de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega, enchendo o oco baleiro existente neste eido.

Os galardóns constan de trece categorías ou apartados representativos do traballo realizado, tanto diante como detrás do pano, ademais do Premio de Honra Marisa Soto, que recoñece a traxectoria profesional do galardoado/a. A Xunta Directiva da AAAG é a encargada de outorgar o citado galardón.

Aspiran aos Premios María Casares de Teatro todas as producións teatrais realizadas que foran estreadas en Galicia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesión, así como todos os profesionais que participaron nas citadas montaxes, durante ese período de tempo.


Categoría: Noticias
Etiquetas: