TODO LISTO PARA O IX FESTIVAL DE CANS

11 / 05 / 2012

Presentouse o IX Festival de Cans, que se celebrará do 23 ao 26 de maio en Cans, pertencente ao concello pontevedrés de Porriño, organizado pola Asociación Cultural Arela. Este ano, o evento volve contar cos seus concursos de curtametraxes de ficción, de animación e videoclips galegos. Tamén haberá outras proxeccións de curtas e longametraxes (incluíndo a estrea de Personal Movie), unha vintena de actuacións musicais, e encontros con profesionais como Isabel Coixet, Antón Reixa, Sandra Sánchez ou Ángel de la Cruz. Ademais, entregarase o premio Pedigree a Antonio Durán «Morris».

O eixo central do evento é a súa sección oficial de obras galegas, na que este ano participan 12 curtametraxes de ficción e 6 de animación. O primeiros son La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa, de Iria Ares, Mr. Bear, de Andrés Rosende, Sefa Sound System, de Sabela Pernas e Sol Alvarez, Aurora, de Manuel Macou, Anacos, de Xacio Baño, Lvoluten Osken, de Javi Camino, O olláparo, de Sonia y Miriam Albert, Conversa coa muller morta, de Sonia Méndez, Dúas letras, de Eloy Varela, El baile maldito, de Rafa de los Arcos, Soap Opera, de Eva Quintas, e Adivina quién viene a comer mañana, de Pepe Jordana; e os segundos, O xigante, de Luis Matta e Julio Vanzeler, Coda, de DSK (Juan Lesta e Belén Montero), El club del bromista, de Luis Usón, Lorchos e fanecas, de Lucas Ricoy, A banda, de José Luis González, e Cribba, o vampiro, de Daniel Montero. A eles súmanse outros 20 videoclips. Un xurado formado polo guionista e actor Federico Pérez, o director, produtor e guionista Angel de la Cruz, as actrices María Mera e Iolanda Muíños, o actor Edu Soto, o xornalista e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antón Losada, e a realizadora e directora Marta Piñeiro, outorgará sendos premios á mellor curta de ficción e á mellor curta de animación, dotados con 1.500 euros cada un, así como outros á mellor actor, actriz e guión, sen dotación económica. Ademais, o público outorgará premios á mellor curta de ficción e á mellor curta de animación, dotados con 1.000 euros cada un, e un xurado conformado por veciños de Cans escollerá, así mesmo, o seu traballo preferido, que recibirá un premio honorífico. En videoclips, concederanse sendos premios por parte do público e doutro xurado conformado pola actriz Isabel Risco, o xornalista Iago Martínez, o actor e organizador de eventos musicais Santi Romay, e o cantante Germán Coppini (quen ofrecerá ademais unha sesión de DJ trala Noite V Clips). Están dotados con 300 euros cada un. Tódolos galardóns acompáñanse dun trofeo Can de Pedra. A lista de galardóns completarase co premio de honra Pedigree 2012 para o actor Antonio Durán «Morris», e cos premios Chimpines de Plata para o xornalista e presentador Fernando González «Gonzo» e para os veciños de Cans Carme Fernández e Alberto Dávila. O Festival, que abrirá o 23 de maio co tradicional Día dos veciños, no que se presentarán CanZine, a publicación oficial do festival, o xurado dos veciños ou o making of de Cans 2011, entre outras cousas, ofrece nesta edición moitas novidades. Así, o tradicional Jalpón Friki transfórmase a partir de agora no Jalpón Fri que, ademais da súa sección friki (con obras como A culpa é dos pais, La charcutera caníbal e Fillos de Sansón), incorpora un novo apartado, «Gallegos en el Espacio Exterior», que mostrará curtos de profesionais galegos que traballan fora de Galicia, como Desayuno con diadema, Disección de una tormenta ou El premio.

Así mesmo, o festival explorará novos xéneros como as webseries (con títulos como Te quiero, pero, Unha voz na miña cabeza, Entre pipas ou Angélica y Roberta), o cine mudo (co espectáculo O fantabuloso cine ambulante dos irmáns Lumieira, que combina proxeccións de clásicos do cine mudo de Lloyd e Keaton con música en directo) ou curtas documentais (con Lobos, Aurelia e Percebeiros). Un dos momentos importantes do festival será a estrea no Círculo Recreativo de A Porriño, o 24 de maio, da última película de Héctor Carré, Personal Movie, coa presenza de boa parte do equipo, que desfilará en chimpibuses. Tamén se proxectarán secuencias inéditas do documental Tralas luces e da animada Arrugas. Ademais, polas mañás, en «Cans de Futuro», haberá visitas guiadas para colexios, que incluirán proxeccións para os estudiantes, acompañadas de coloquios con directores e actores. Por último, en «Fill@s de Cans» volverán a adiantarse imaxes das películas galegas que están aínda no forno, como A Tropa de Trapo 2 (Alex Colls), Meigallos (Virginia Curiá), A cicatriz branca (Margarita Ledo), Fraga y Fidel sin embargo (Manuel Fernández-Valdés) o WIP (Xosé Antón Moure e Nahum Fiuza). Ademais, presentaranse avances de documentais como Xoel López e a caravana americana ou Caravana Vilamor. No ámbito musical, tamén de enorme importancia no Festival, haberá máis de vinte actuacións musicais de tódolos estilos. Destacan as de catro grupos que estrean disco: Xoel López, Banda Crebinsky, O Sonoro Maxín e Aerolíneas Federales. Ademais, para homenaxear a esta última banda, estrearanse documentais sobre a movida dos 80 en Vigo, como Galicia caníbal, de Antón Reixa, o Efecto ría, de Alba Escudero. Asimismo, DJ Lagartija sorprenderá cunha selección de música dos 80. Este año, volverán a ser moitos os profesionais que visitarán Cans durante o festival. Así, nesta edición aumentan os encontros co público nos Coloquios na Leira e Arredores, nos que participarán a cineasta Isabel Coixet (quen fará unha lectura participativa do guión inédito Elisa y Marcela), os directores Antón Reixa (Galicia Caníbal) e Sandra Sánchez (Tralas luces) e o guionista Angel de la Cruz (Arrugas). Ademais, no denominado «Torreiro de las Estrellas» deixarán a súa impronta este ano os citados Coixet e Morris, así como Chete Lera, Celso Bugallo e Mabel Rivera. E se o pobo xa contaba con ese particular paseo das estrelas, a el súmase, como novidade, o Cans Voulevar. Así, a carreteira de Cans será o particular Sunset Boulevard da poboación, cun mercado e concertos. Por último, o debuxante Kiko de la Silva tomará o relevo de Manuel Rivas en «Miradas de Cans», a sección na que se invita a creadores fora do ámbito audiovisual a facer un retrato de Cans dende o seu punto de vista; e presentaranse os dous videoclips e o making of realizados na iniciativa de formación Can Campus del Festival. Por último, haberá unha ruta a pe. O 90% das actividades do festival son gratuítas. Para financiarse, no año do boom del crowdfunding, o Festival que dirixe Alfonso Pato apostará polo método de toda a vida: as rifas. O premio será asistir á rodaxe da próxima película de Isabel Coixet e ir a gastos pagados á seguinte edición do evento.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: