SESIÓN ADICADA A LOIS PATIÑO NO CGAI

7 / 06 / 2013

O Centro Galego d eArtes da Imaxe, en colaboración co (S8) VI Mostra de Cinema Periférico organiza hoxe venres, día 7 de xuño ás 20.30h unha sesión adicada a Lois Patiño. A entrada é de balde.

 

Sesión Lois Patiño:

Hai xa uns anos que Lois Patiño se perdeu, con ancho espírito expedicionario, polas máis diversas (e impresionantes) paisaxes. A luz e a néboa revelan nos seus filmes significativas texturas, brillos e abismos nas vastas extensións que conforman a superficie do planeta Terra, a súa face lavada e sen intervención humana, sempre impoñente. Paraxes ás que Patiño imprime un sentido de viaxe introspectiva e dunha sensibilidade plástica que fai pensar nos paisaxistas do XIX. Caspar David Friedrich e William Turner dalgunha maneira respiran e se moven nas súas pezas, a converteren a paisaxe en xeradora de emocións e experiencias. Visión romántica que recollen con afín sensibilidade (porén con modos e obxectivos moi diferentes), por exemplo, Herzog ou Benning. Así, o tempo, o espazo, a xeoloxía, o periplo interior e o pulo do sensorial son as forzas que moven, telúricas, unha das obras incipientes máis potentes do novo cine galego (e internacional).
Duración total do programa: 49 minutos.
 
MONTAÑA EN SOMBRA
(España, 2012)
Dirección: Lois Patiño. Duración: 14 minutos.
A montaña vista como un ser vivo xigante e mitolóxico. A neve e as rochas como a pel baixo a que respira, os homes como seres diminutos e fantasmais. Terreo que debuxa o seu propio mapa, superficies astrais que parecen pinceladas nun lenzo.
 
NA VIBRACIÓN
(España, 2012)
Dirección: Lois Patiño. Duración: 13 minutos.
A violencia e magnificencia dos procesos de formación da paisaxe: placas tectónicas, campos de lava, volcáns, fervenzas. “Nada tan embriagador como a atracción do abismo” (Xulio Verne, Viaxe ao centro da Terra).

PAISAJE-DURACIÓN
(España, 2010)
Dirección: Lois Patiño. Duración: 12 minutos.
Ao se refractar na visión humana, a paisaxe convértese en algo abstracto. A contemplación altera os sentidos, nunha experiencia introspectiva de sublimación. É a conexión no instante pleno, o que Henri Bergson denominou durée: o tempo exterior fica suspendido e expándese na consciencia.

EN EL MOVIMIENTO DEL PAISAJE
(España, 2010)
Dirección: Lois Patiño. Duración: 10 minutos.
O home estático, a paisaxe como ente colosal vivo e en movemento.

Categoría: Noticias
Etiquetas: