SEIS PRODUCIÓNS EXHÍBENSE NA XXII SEMANA DE CINE SUBMARINO DE VIGO

28 / 11 / 2012

Do 28 ao 30 de novembro vaise a celebrar no Centro Cultural de Novacaixagalicia en Vigo a XXII Semana de Cine Submarino, organizada pola Vicerrectoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Exhibiranse seis producións, que se acompañarán de coloquios con invitados.

As proxeccións ábrense hoxe mércores, 28 de novembro, co pase de dous documentais que levan o selo da BBC británica: Un océano de illas, da serie Pacífico Sur, e Voces do mar, da serie Xigantes do mar. O invitado do día será Santiago Lens, delegado español no Comité Científico da Comisión Ballenera Internacional. O xoves 29 tocaralle a quenda a outras dúas producións da BBC: outro episodio de Pacífico Sur, Un océano de volcanes, e A gran barreira do coral: do arrecife á selva tropical. O coloquio dirixirao Jesús Souza, director do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.

Para concluír, o venres 30 de novembro presentaranse os dous últimos traballos de Rafael Herrero, un dos máximos expoñentes da filmación submarina en España: Mar de ninguén e Isora, historia de una manada de calderones. Presentaraos el en persoa. Todas as sesións comezarán ás 20:00 horas, con entrada libre. Ademais, todos os días, ás 10:00 e 12:00 horas, haberá sesións matinaies de proxeccións para alumnos dos centros formativos da provincia, coordinadas polo área de acción cultural de Novacaixagalicia.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: