SANTIAGO FILLOL ESTARÁ NO CGAI OS DÍAS 8 E 9 DE XUÑO

7 / 06 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) contará os días 8 e 9 e xuño coa presenza do profesor, escritor cinematográfico e cineasta arxentino afincado en Barcelona, Santiago Fillol. O autor presentará mañá, martes día 8 de xuño ás 20.30 horas o documental “Ich bin Enric Marco” (2009), que codirixiu con Lucas Vermal, e o mércores día 9 de xuño á mesma hora, o traballo en tres pezas “Trailer vivant” (2009).

A peza audiovisual foi froito do encontro creativo entre a parella de autores de La cuestión humana (2007), Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, aos que o CGAI dedicou a primavera pasada un ciclo e un seminario específico sobre o seu título máis célebre, e o propio Santiago Fillol. Detrás destas pezas subxace un proxecto, Low life. A entrada a ambas sesións é gratuíta.

ICH BIN ENRIC MARCO / EU SON ENRIC MARCO     
(España, 2009)
Dirección: Santiago Fillol e Lucas Vermal. Produción: Intermedio e Corte y Confección de Películas. Fotografía: Marc Gómez del Moral. Duración: 100 minutos.
Maio de 2005 depara unha nova sorprendente: Enric Marco, presidente da principal asociación española de deportados na II Guerra Mundial, Amical Mathausen, divulgador da memoria da Gran Guerra, non estivera xamais nos sitios descritos nos seus elocuentes parlamentos. Marco (Barcelona, 1921), convicto na Alemaña nazi por actividade antifascista e detido pola Gestapo, nin siquera fora prisioneiro do campo de concentración de Flossenbürg, do que ofrecera detallados e convincentes relatos. Marco, actor-narrador a tempo completo regresa aos acontecementos que delimitan a súa vida visitando os lugares vividos e tamén os espazos descoñecidos da súa ficción establecida en 2007. Suxestiva e metafísica road-movie moral con reflexións metacinematográficas presente nos certames de Las Palmas e Locarno.  
 
TRAILER VIVANT
Composto por tres pezas, un tráiler que ten vida. Froito do encontro creativo entre a parella de autores de La cuestión humana (2007), Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, aos que o CGAI dedicou a primavera pasada un ciclo e un seminario específico sobre o seu título máis célebre, e o profesor e director arxentino afincado en Barcelona Santiago Fillol, detrás destas pezas subxace un proxecto, Low life.  Duración: 92 minutos.    

DIALOGUES CLANDESTINS
(Francia, 2009)
Dirección e fotografía: Nicolas Klotz. Guión: Elisabeth Perceval. Produción: Vicious Bar. Intérpretes: Nicolas Maury, Laetitia Spigarelli. Duración: 50 minutos.
Diario do proceso de preprodución de Low Life.
 
DORMEZ-VOUS?     
(Francia-España, 2009)
Dirección e guión: Santiago Fillol. Produción: Vicious Bar e Intermedio. Fotografía: Nicolas Klotz. Intérpretes: Judith Chemla. Duración: 27 minutos.
Klotz e Perceval danlle o guión de Low life a Santiago Fillol para que imaxine o filme que aínda non se filmou.   

ANTIGONE     
(Francia, 2009)
Dirección e fotografía: Nicolas Klotz. Guión: Elisabeth Perceval. Produción: Vicious Bar. Duración: 15 minutos.
Klotz e Perceval devólvenlle a pelota a Dormez-vous? Partindo do flamenco e a música, a enerxía e o espazo polos que pregunta o protagonista da peza de Fillol, compoñen a peza restante.

Categoría: Noticias
Etiquetas: