O fenómeno PRADOLONGO non é quen de esgotarse. Logo dun ano 2008 no que a película en formato cine pasou por diversos canles de distribución cunha gran acollida tanto en salas de cine convencionais como ao aire libre nos meses de verán, o filme chega a unha nova fase comercial: a venda directa nos formatos DVD e BLU-RAY.
Tamén sairá á venda o CD da banda sonora composta pola compositora Zeltia Montes, que con este traballo gañou o prestixioso premio Jerry Goldsmith no festival especializado en música de cine de Ciudad de Úbeda. Lembramos que PRADOLONGO tamén ven de gañar este ano o premio “San Sebastián Film Commission” do Festival de San Sebastián así como o Premio Especial do Festival de Ourense.

Partindo da experiencia recollida durante a promoción en salas, PRADOLONGO tamén será protagonista dunha campaña de promoción especial nesta etapa. A intensa resposta dos espectadores fai prever unha acollida similar para os formatos DVD e BLU-RAY como previsible agasallo de Nadal, xa que o filme (distribuido pola empresa galega Mr Misto) estará dispoñible en tendas e centros comerciais de toda Galicia. Para elo o seu director e os actores protagonistas da película desenvolverán unha campaña de sinaturas nas principáis cidades de Galicia.

O primeiro dos actos terá lugar mañá xoves 11 de decembro no Corte Inglés de Vigo, onde de 18:00 a 19:00 director e actores firmarán o DVD/ BLU-RAY / CD.
Ás 19:00 terá lugar a proxección dun vídeo e acto seguido terá lugar unha charla-coloquio no mesmo lugar.

Ademáis, a través da páxina web www.meupradolongo.com tamén será posible mercar directamente a película e a banda sonora en internet.

PRADOLONGO é a primeira película galega que se edita no formato de alta definición BLU-RAY, grazas ao que se poderán ver os montes de Pradolongo e as paisaxes onde se rodou a película na máis alta calidade de imaxe e son. Ademáis, este formato inclúe como agasallo o cd da banda sonora.

PRADOLONGO está dirixida por Ignacio Vilar e protagonizada por Rubén Riós, Tamara Canosa e o debutante Roberto Porto. Trátase dunha historia de amizade e iniciación na que se mesturan as inquedanzas ecolóxicas e os amores de mocidade nunha Galicia poucas veces vista así no cine.

Producida por Vía Láctea Filmes PRADOLONGO conta coa participación de TVG e coa axuda da Dirección Xeral de Creación en Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega, da Deputación de Ourense. Tamén contou coa coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual, Turgalicia, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.