RENÓVASE E AMPLÍASE O ACORDO DE COLABORACIÓN ENTRE O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA E ANCINE

28 / 11 / 2008

No marco do Encontro hispano-brasileiro de Cinematografía que tivo lugar en Madrid do 11 ao 14 de novembro os representantes de ANCINE e do Consorcio mantiveron diversas reunións nas que acordaron introducir unha serie de modificacións na convocatoria do Fondo de Coprodución:
A inclusión expresa dun proxecto documental, dotado dun orzamento propio, despois de analizar o elevado número de inscricións correspondentes a este xénero que se deron nesta edición.

Manter o apoio ás dúas longametraxes de ficción e/ou animación (unha maioritaria brasileira e outra galega) coas que xa se contaba nas anteriores bases do 2008.

A publicación da convocatoria de 2009 no mes de marzo, durante o 3º Encontro Audiovisual Galicia-Brasil que moi probablemente terá lugar na segunda quincena de marzo en Salvador de Baía.

Estas decisións tomáronse en base á alta calidade dos nove proxectos presentados, o que animou á Comisión Técnica a suxerir ao Consorcio e ANCINE a continuar con esta iniciativa de cara a vindeiras edicións, introducindo as devanditas melloras.

Esta innovadora ferramenta de financiamento naceu mediante a sinatura o 21 de setembro de 2007 dun protocolo de colaboración, polo que se comprometían a Agência Nacional do Cinema (ANCINE) e o Consorcio Audiovisual de Galicia a crear un Fondo de Coprodución de proxectos audiovisuais galego-brasileiros. Este é o único acordo de coprodución con dotación económica, existente entre Brasil e España. Os primeiros froitos desta iniciativa son dúas coproducións que se atopan en fase de pre-produción O Sexo dos Anxos, de Continental Producciones S.L. e de CCFBR Produçoes Audiovisuais LTDA., como produción maioritaria galega e Entre a Dor e a Nada, das produtoras MPC & Asociados, Ficción Producciones, S.L. e Filmes do Tejo, como produción maioritaria brasileira e que verán a luz a finais do próximo ano.

O 3º Encontro Audiovisual Galicia-Brasil contará con tres liñas fundamentais de actuación: un Fondo de Coprodución, un Encontro entre produtores de ambos territorios e unha Mostra de Cine Galego.

No 2º Encontro Audiovisual Galicia-Brasil celebrado na Coruña o pasado mes de xuño unha delegación de autoridades e profesionais do Brasil desprazouse ata Galicia con nove produtoras, ás que se sumaron 18 empresas galegas, conformando un total de 27 representantes da industria audiovisual galaico-brasileira. Este encontro gozou dun grande éxito participación e deixou patente unha vez máis o interese mostrado tanto por parte galega como brasileira en continuar as relacións comerciais entre ambos territorios e propiciou novos contactos para futuras coproducións. Directivos e responsables de marketing das empresas asistentes puideron, ademais de presentar as súas respectivas compañías, amosar un adianto das súas películas e, posteriormente iniciar liñas de comunicación. Un total de 37 entrevistas fixeron posible o intercambio dos preto de trinta proxectos presentados que recolleron longametraxes de ficción e de animación en 3D, documentais e xéneros desde a comedia e o musical ata thrillers dramáticos, pasando pola road movie.

Categoría: Noticias
Etiquetas: