O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 8 de xaneiro a súa programación de 2013 coa proxección (2 pases: 18.00 e 20.30 horas) de La Escopeta nacional (1978) de Luis García Berlanga, dentro da completa retrospectiva dedicada ao falecido cineasta valenciano.

LA ESCOPETA NACIONAL    
(España, 1978)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga e Rafael Azcona. Produción: In-Cine. Fotografía: Carlos Suárez. Intérpretes: José Sazatornil “Saza”, Luis Escobar, Mónica Randall, José Luis López Vázquez. Duración: 95 minutos.  
Peza inaugural dunha afamada triloxía de películas, a saga dos Leguineche, estamos perante unha produtiva comedia de corte sainetesco, doses de esperpento, enxeñoso retrato de grupo, excelente reparto e ben ponderada pericia estilística en que un empresario medio asiste por interese mercantil a unha cacería de poderosos que alegoriza a vida cortesá e o enfrontamento de familias do réxime desaparecido. O pletórico regreso de Berlanga ao cine español, despois do interregno francés de Tamaño natural, saldábase con máis de 2 millóns de butacas nas salas.