A serie de animación para tv “Rascayú” gozou dunha grande acollida durante a súa presentación na 23ª edición do Cartoon Forum, que vén de celebrarse do 11 ao 14 de setembro na localidade francesa de Toulouse. O proxecto suscitou o interese de investidores, broadcasters e produtores nacionais e internacionais.

“Rascayú”, producido pola firma coruñesa Otiiplanet Group e con produción executiva de Abano Producións, é o único proxecto galego presente no meirande foro europeo de series de animación para televisión, o Cartoon Forum. A participación de ambas firmas neste mercado conta co apoio do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e está cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

O cofundador de Otiiplanet, Juan Nouche, e a directora xeral de Abano, Chelo Loureiro, foron os encargados de presentar o proxecto ante o numeroso público asistente. Os responsables de “Rascayú” viaxaron a Toulouse na busca de acordos con coprodutores e axentes de vendas internacionais, e ámbolos dous amósanse “encantados” coa excelente acollida que tivo esta serie entre investidores, broadcasters e produtores.

A directora xeral de Abano asegura que “estamos moi contentos posto que nestes momentos xa temos tres posibles coprodutores en Luxemburgo, Holanda e Alemaña”. Ademais as dúas únicas canles de televisión nacionais con presenza neste foro, TVE e TV3, amosaron o seu interese pola serie, e xa se iniciaron negociacións tamén coa empresa Telefónica, afirma.

Segundo Chelo Loureiro, varias distribuidoras internacionais de Francia e United Kingdom manifestaron o seu interese pola serie, aínda que finalmente da distribución da serie encargarase a compañía Finding for you.

“Rascayú”

“Rascayú” é unha serie de animación para TV cun formato de 26 capítulos de 6 minutos onde se narran os avatares de Rascayú, un pequeno e gracioso esqueleto que, grazas ao trevo de catro follas que habita na súa cabeza, é o ser máis afortunado do seu universo. Trátase dun produto de entretemento baseado no humor e destinado ao consumo familiar. Na actualidade a serie está en pleno proceso de produción e desde Otiiplanet confían en que teña unha boa acollida no mercado europeo.

“Rascayú” é o primeiro proxecto de animación de produción propia da firma coruñesa Otiiplanet Group, ten a Abano Producións na produción executiva e contou co apoio da AGADIC e do ICAA, máis coa colaboración da CRTVG.