Mañá, 23 de maio ás 20.00h o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa acolle a proxección do filme The house of the Devil, de Ti West, dentro do seu ciclo de cine “Terror en Serie B: Xoias de Baixo Presuposto”. A entrada é de balde ata completar o aforo.

O cine de serie B é un pequeno reduto cinematográfico onde a imaxinación e o talento suplen a falta de presuposto. A necesidade agudiza o enxeño, e o que posúen películas como as deste ciclo é superior á maioría das súas irmás maiores. Dentro do cine de terror, a serie B fixo da suxestión e a elipse unha das belas artes, e o grao de liberdade creativa alcanza cotas inimaxinables no cine de gran presuposto. Dende a Obra Mestra de Edgar G. Ulmer Detour ata a pequena xoia de Ti West, enfant terrible do terror contemporáneo, The house of the devil, percorreremos entre calafríos unha das parcelas máis apaixonantes da Historia do Cine.

 

The House of the Devil (2009) Ti West

 Fala por teléfono. Remata os deberes. Mira a televisión. Morre. Homenaxe ao cine de terror dos anos 70 e 80, poboado de casas encantadas, posesións demoníacas e asasinos en serie, o director Ti West invítanos a gozar da máis sanguenta noite de terror e suspense da que xamais fosemos testemuñas. Rodada en 16 mm para imitar a textura daquelas películas, tamén se fixeron copias promocionais en formato VHS. “Tras moitos anos asistindo a baños de vísceras, por fin unha película de terror que ademais provoca verdadeiros calafríos”, publicou The New York Times.