Este venres 18 de decembro se realizará no Auditorio do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) a proxección do documental “Sixty Tolos (A golpe de single)”, dirixido polo director Xaime Fandiño. Este documental é unha coprodución coa Televisión de Galicia e foi subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). A entrada é gratuita.

O documental trata sobre unha época, a dos anos sesenta en Vigo, e como nela os yeyés se rebelaban contra unha sociedade que non os comprendía. Estes yeyés, hoxe xa sexaxenarios, cóntannos en primeira persoa a súa experiencia nesa etapa na que racharon cos canons establecidos a través do seu aspecto, da súa indumentaria, das súas manifestacións artísticas e, sobre todo, a través da música. O cabelo longo, os guateques, os barcos das inglesas, os festivais e as guitarras eléctricas marcaron unha diferenza entre estes baby boomers e a xeración dos seus pais. Os anos sesenta foi unha etapa na que se crearon multitude de conxuntos musico-vocais, grupos yeyés que pese a non estar formados por músicos profesionais, conseguían encher os festivais e congregar en torno a eles a unha multitude de fans. “Sixty Tolos (A golpe de single)” fálanos da ilusión deses mozos, das súas lembranzas, así como da música que marcou unha época. E por suposto, doutras cousas, hoxe incomprensibles, que lles tocou padecer e vivir á xeración yeyé nos difíciles anos sesenta.