O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá xoves 9 de maio (18.00 e 20.30 horas), dentro da sección de estreas Fóra de serie, o documental gañador do Oscar, a exitosa Searching for sugar man (2012) de Malik Bendjelloul, recuperación da figura do músico de Detroit Sixto Rodríguez.    SEARCHING FOR SUGAR MAN   

(Suecia-Reino Unido, 2012)
Dirección e guión: Malik Bendjelloul. Produción: Passion  Pictures, Hysteria Filme, SVT e The Documentary Company. Fotografía: Camilla Skagerström. Duración: 86 minutos.  
Nos anos 60, un músico, Sixto Rodríguez, foi descuberto nun bar de Detroit por dous produtores namorados das súas melodías e letras conmovedoras. Gravaron un álbum que eles crían que ía situar o artista como un dos grandes da súa xeración. Porén, o éxito nunca chegou. O cantante desapareceu en medio de rumores sobre o seu suicidio enriba do escenario. Mentres a figura do artista se perdía no esquecemento, unha gravación pirata atopada na Suráfrica do apartheid foise convertendo nun fenómeno. Dous fans sudafricanos esfórzanse agora en pescudar que pasou realmente co seu heroe. A súa investigación levounos ata unha historia extraordinaria, ata o mito de Rodríguez. Un filme de enorme éxito sobre os misterios da vida, a inspiración e o influxo da música, gañador do Óscar á mellor longametraxe documental.