PROFESIONAIS DO AUDIOVISUAL GALEGO PARTICIPAN NUN SEMINARIO SOBRE FINANCIAMENTO DA OBRA AUDIOVISUAL

18 / 10 / 2013

Unha trintena de profesionais do sector audiovisual galego participaron na tarde de onte, xoves, en Santiago, nun seminario sobre financiamento e explotación da obra audiovisual, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag), en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

O director de Proxectos e Desenvolvemento de AUDIOVISUAL S.G.R. (Sociedade de Garantía Recíproca), Pedro Martín, foi o encargado de afondar no tema do financiamento audiovisual durante unha sesión titulada Convenio ICO-ICAA. Modelo de explotación da obra audiovisual: contabilización e caso práctico. E logo de ser presentado polo presidente do Clag, Andrés Barbé, quen se referiu á dilatada traxectoria da súa entidade dentro do panorama audiovisual nacional.

Na súa intervención, Pedro Martín explicou o funcionamento da entidade pública Audiovisual S.G.R., ademais de analizar o convenio entre o ICO (Instituto de Crédito Oficial) e o ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales). No último tramo da súa intervención, analizou a explotación das obras audiovisuais e a súa contabilización a través de casos prácticos.

Este seminario enmarcouse nas xornadas “Cinema, creación e finanzas”, que se desenvolven desde onte, día 17, e ata hoxe na Cidade da Cultura de Santiago, coas que Agadic abre o seu novo programa formativo Galicia ProFilme.

Xornadas “Cinema, creación e finanzas”

“Cinema, creación e finanzas” é o primeiro encontro do programa Galicia ProFilme, que a Consellería de Cultura e Educación organiza a través da Agadic como plataforma de formación continua e específica aberta a todos os que desenvolven a súa actividade profesional neste ámbito.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, foi o encargado de inaugurar estas xornadas onte pola mañá. Durante a súa intervención, Sutil explicou que Galicia ProFilme nace cun “eminente sentido práctico” en resposta ás demandas de formación específica por parte do propio sector. Incidiu, así mesmo, no papel da formación especializada como  “factor básico no camiño do crecemento e a consolidación da industria audiovisual galega, que neste momento ocupa o terceiro posto canto a número de empresas e producións no panorama audiovisual do conxunto do Estado”.

A sesión matinal continuou co relatorio O negocio do cinema: a arte do financiamento e as desgravacións fiscais no mundo, a cargo de Pilar de Benito, directora de Morena Films, e Marisa Castelo, directora de Legalarte, para afondar na importancia e nas principais vías para a consecución de financiamento previo para a realización de proxectos audiovisuais.

Neste sentido, a directora de Morena Films incidiu en aspectos como o control de xestión e o control de risco, así como na figura das Agrupacións de Interese Económico (AIE) como fórmula para abordar a produción dun filme. Marisa Castelo, pola súa banda, abordou aspectos legais arredor destas mesmas cuestións.

As xornadas conclúen esta mañá cunha nova intervención de Marisa Castelo, quen exporá un manual práctico de contratación e fiscalidade dirixido especialmente a autores e artistas.

Vindeiras convocatorias de Galicia ProFilme Galicia ProFilme continuará o venres 15 de novembro cunha sesión informativa arredor do programa europeo Media e as súas axudas para produtores independentes, coa participación do director da Oficina Media Desk España, Jesús Hernández, e de diferentes produtores independentes.

No mes de decembro, o día 12, terá lugar a terceira convocatoria de Galicia ProFilme, Preprodución e mercado internacional, na que se ofrecerán tamén diferentes estratexias para a promoción e distribución de produtos no exterior.

Categoría: Noticias
Etiquetas: