Emma Lustres, directora de Vaca Films, Alberto Carullo, socio e conselleiro delegado da produtora Big Bang Media, e Luis Iglesia, actor de La Fuga e de Matalobos, estarán os próximos días no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar respectivamente de produción executiva cinematográfica e de creación e xestión de contidos de entretemento.

O lunes 7 e o martes 8, Emma Lustres, exalumna do MPXA, analizará o proceso de produción, desenvolvemento e coprodución cinematográfica dunha película baseándose na súa propia experiencia ao fronte de Vaca Films, que fundou en xaneiro do 2003 xunto a Borja Pena, tamén antigo alumno do máster. Entre a filmografía da compañía atópanse títulos como Somne (2005), El partido (2006), a coprodución Déjate Caer (2007), Celda 211 (2009), de Daniel Monzón, a gran triunfadora nos Premios Goya 2010, nos que acadou oito estatuillas, e Secuestrados (2010), de Miguel Ángel Vivas, que foi vendida a máis de 30 territorios. Durante as clases, Lustres exporá as fases de desenvolvemento, produción, comercialización e a busca de vías de financiamento para unha longametraxe tomando como base o último proxecto da produtora, Invasor, de Daniel Calparsoro.

O xoves 10, Alberto Carullo impartirá unha clase maxistral sobre o proceso de produción dun contido de entretemento, desde o xurdimento da idea ata a explotación do produto. Carullo desenvolveu a súa traxectoria profesional tanto en cadeas de televisión como en produtoras desde 1990. Durante eses anos levou a dirección de marketing editorial do Grupo Mediaset en Italia, a dirección de contidos da produtora BocaBoca en España e, desde o 2002 ata finais de 2008, foi director da división de antena de Telecinco, coordinando as áreas de programación, marketing, produción de programas, produción de ficción, comercial e servizos artísticos.

Na actualidade é socio e conselleiro delegado da produtora Big Bang Media, empresa dedicada ao desenvolvemento e produción de contidos audiovisuais de ficción e entretemento e creadora de programas como Uno para ganar, Me cambio de familia e De buena Ley.

Na sesión do xoves Carullo tratará ademais a adaptación internacional dun formato e o fará a través do caso de Pasapalabra. Tamén falará da adquisición dun proxecto estranxeiro e a súa adecuación á grella nacional, baseándose no paso do formato Minute to Win It a Uno para ganar e de de Wife Swap a Me cambio de familia.

A próxima semana tamén impartirá clase no MPXA Luis Iglesia, actor da serie de Antena 3 La Fuga e actor principal de Matalobos, galardoada recentemente nos Premios Mestre Mateo como mellor serie de televisión por terceiro ano consecutivo e co premio Circom á mellor ficción de televisión en Europa. Iglesia ofrecerá aos alumnos o seu punto de vista como actor nas producións audiovisuais.