Dous realizadores que se enfrontan á súa primeira vez. Simone Saibene e Aitor Rei, directores de 9 ondas e de A última viaxe do afiador respectivamente, reuníronse esta mañá nos encontros do 17OUFF para compartir os avatares do seu debut na dirección perante o público e dos alumnos do ciclo de Produción Audiovisual da Farixa.

O italiano afincado en Ourense Simone Saibene enfrontábase á súa primeira longametraxe logo de ver e escribir sobre moitas películas (entre outras cousas, foi xurado de curtas no 15OUFF), o que lle serviu para adquirir “un método na ollada, o máis importante que ten que ter un director de cine”. A súa primeira vez, malia ser aos 34 anos -“a mellor idade para enfrontarse a unha longa”-, dixo), “foi intensa, moi dura, pero tamén moi satisfactoria”. E é que na rodaxe contou cun equipo moi noviño (cunha media de idade de 23 anos) e con moitas ganas de aprender: “Foi un proxecto a contracorrente”, bromeaba.

Xunto a el estaba Aitor Rei, a quen coñecemos pola súa prolífica faceta de actor e dramaturgo, quen tamén debutaba tras da cámara cun documental que definiu coma “unha viaxe de viaxes”. O foco de Aitor centrouse nunha historia ben distinta: “Unha viaxe que comezou vai 300 anos no macizo central galego, unha historia de emigrantes con destino incerto”, a viaxe dos afiadores galegos cara o resto do planeta. Non en van, recolleron vestixios en La Habana, Nova York, Madrid… Unha historia que conta o universal da emigración galega e que foi realizada con moito agarimo e case dun xeito artesanal.

Tras unha breve intervención, os dous realizadores puxéronse á disposición do público para compartir vivencias, anécdotas e inquedanzas sobre a súa primeira vez.