Do 22 ao 27 de xullo vai acontecer unha das maiores experiencias transfronteirizas nunca realizadas entre Galiza e Portugal: unha festa de convivencia entre o audiovisual galego e portugués. Un evento verdadeiramente internacional xa que acontece fisicamente entre dous países, unha proposta singular que acolle as localidades de Vila Nova de Cerveira e Goián (Tomiño).

Esta festa do audiovisual galego e portugués está organizada pola asociación cultural Morraceira, a Câmara Municipal de Cerveira e o Concello de Tomiño. Unhas institucións que apostaron decididamente por unirse neste proxecto de enormes posibilidades culturais e sociais.

Así, en tres meses, as terras do Miño van a ser testemuñas de excepción de cómo se vai erguer unha nova ponte sobre o río. Desta vez non se vai empregar o formigón, o audiovisual vai ser o medio chamado para ligar as dúas ribeiras. A imaxe en movemento tórnase na fermenta máis axeitada, polo seu dinamismo e recepción pola xente nova, para achegar máis aos galegos e aos portugueses, habitantes de distintos países que comparten a mesma cultura.

O Filminho ten como o obxectivo principal promover o coñecemento do moito que une ás xentes que separa o Miño. Para iso se recorre ao audiovisual, testemuño sen igual de realidades. A esta necesidade responde a organización, xunto con Ponte nas Ondas, do certame audiovisual “Conta onde vives”. En segundo lugar o Filminho está chamado a ser o baluarte co que defender o audiovisual galego e portugués, propiciando producións invisíbeis, con mirada propia e de carácter “non reconciliado”, é decir, afastados da ortodoxia industrial.

A programación do Filminho estructúrase en dúas categorías: “Grande Premio” e o “Cinema Minhoto”. Na primeira poderán concorrer todo tipo de produción (duración e xénero) de Galicia e Portugal. Mentres, no Cinema Minhoto vai ser a sección anfitriona destinada a acoller todos os filmes realizados nas terras do Miño ou que teñan unha clara vocación transfronteiriza.

Ademáis das proxeccións o Filminho albergará un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela enfocado cara a mocidade. Unhas actividades comlementarias de formación completadas cun Fórum de Criadores co que se pretende fomentar a realización de filmes no Miño.

O Filminho quere convidar a galegos e portugueses a combinar na raia este verán para disfrutar do seu audiovisual. Xa tes un motivo para combinar as túas feiras no Minho!

Contactos:

comunicacao@filminho.info | info@filminho.info
http://www.filminho.info
http://imprensa.filminho.info
http://morraceira.blogspot.com