POLA EXCEPCIÓN E A IDENTIDADE CULTURAL, AA’04 EN ABRIL

11 / 05 / 2004

“Denominación de orixe”, “Marca de fábrica”, “Made in Galicia”, “Modernización e ITV”, e “A identidade cultural”, son os títulos das mesas redondas que ocuparán as xornadas de mañá e tarde durante os días de celebración deste Foro, que será clausurado o día 24 e que terá como ‘broche final’ unha cea de gala na que, ademais de impoñe-la Medalla de Ouro a un persoeiro do sector o director de cine José Luis Cuerda, entregaranse os títulos de “Académicos de Honor 2003”, rematando todo elo cunha ‘queimada tradicional’ de exconxuro: o obxecto do mesmo é espanta-lo mal de ollo do cine español.
Santiago, mércores 24 de marzo 2004.- Este ano, é a Fundación “Luís Seoane” na Coruña o marco no que se celebrará o “Foro Academia Aberta” que, por segundo ano consecutivo, organiza a Academia Galega do Audiovisual. Desta volta participan na organización as asociacións “Crea” –Directores e Realizadores Asociados de Galicia-, “Agag” –Asociación Galega de Guionistas-, “Agapi” –Asociación Galega de Productores Independentes-, “Aega” –Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual, “Aisge” –Artistas intérpretes, Sociedad de Gestión” e “Aadteg” –Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia-, baixo a coordinación de Ángel de la Cruz.

“Pola excepción e a identidade cultural” é o lema que abrangue os contidos das mesas redondas que se celebrarán durante os días 22, 23 e 24 de abril, para debater sobre a exepción cultural enfocada dende os diferentes puntos de vista que se teñen nos tamén diferentes gremios relacionados co sector audiovisual.

“Denominación de orixe”, “Marca de fábrica”, “Made in Galicia”, “Modernización e ITV”, e “A identidade cultural”, son os títulos das mesas redondas que ocuparán as xornadas de mañá e tarde durante os días de celebración deste Foro, que será clausurado o día 24 e que terá como ‘broche final’ unha cea de gala na que, ademais de impoñe-la Medalla de Ouro a un persoeiro do sector o director de cine José Luis Cuerda, entregaranse os títulos de “Académicos de Honor 2003”, rematando todo elo cunha ‘queimada tradicional’ de exconxuro: o obxecto do mesmo é espanta-lo mal de ollo do cine español.

Nas mesas redondas participarán guionistas, escritores, historiadores, programadores, responsables de contidos, educadores, actores, productores, responsables de vendas e distribuidores, técnicos de son, directores de fotografía, músicos, directores de arte, a Plataforma pola Defensa do Cine Español, directores e realizadores. Sobra dicir que as Mesas Redondas son abertas ó público, facendo especial fincapé no interese específico que o seu contido ten para os traballadores e traballadoras do sector audiovisual, ademais das propias empresas Productoras, industrias audiovisuais e, fundamentalmente, para o amplo eido da cultura que envolve e entronca directamente –na súa máis ampla expresión- co sector audiovisual. Un feito este que, en Galicia, por sermos expresión dunha realidade cultural propia, toma un matiz específico. E todo ese matiz é o que será debatido neste “Foro Academia Aberta” que se celebra por segundo ano consecutivo en Galicia. “Pola excepción e a identidade cultural”.

Categoría: Noticias
Etiquetas: