Os directores de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, Sara García e Ángel Sánchez, anunciaron a celebración da próxima edición de Play-Doc, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo próximos na cidade de Tui. Estiveron acompañados por Moisés Rodríguez, alcalde da cidade, e pola súa concelleira de Cultura e Educación, Vanesa Rodríguez, que resaltaron a celebración de Play-Doc coma o evento cultural máis importante para Tui, cualificándoo como “a xoia da cultura tudense”.

Os organizadores lembraron que cada edición supón todo un reto. “É un festival feito desde a periferia artística e xeográfica, que defende unha proposta cultural afastada do comercial,  ofrecendo un cinema ao noso parecer esencial e ao que é difícil acceder xa que fóra dos festivais e na maioría dos casos non atopa espazos para a súa exhibición”. Play-doc converteuse nunha das referencias do documental en España, un festival que trouxo a Galicia o cinema de grandes do xénero como Raymond Depardon, Rithy Pahn, Avi Mogravi ou Marcel Lozinski e que cada ano realiza ademais retrospectivas dedicadas a realizadores xa consagrados, “unha pequena selección do mellor que se produciu recentemente en todo o mundo”, explicou Sara García.

Sara García destacou que “a edición deste ano vai ser histórica, ao cristalizar todos os esforzos realizados ata o de agora”. Tamén recoñecía a co-directora do Festival galego que para chegar a esta oitava edición tiveron que facer fronte aos problemas de visibilidade e de presuposto que supoñen facer un evento destas dimensións nunha localidade pequena, polo que dicía que “están moi contentos de poder anunciar esta oitava edición”.

Ángel Sánchez explicaba que a día de hoxe, a mes e medio do comezo, faltan por pechar os últimos detalles da programación, para o que agardan que se materialice o apoio por parte da Xunta de Galicia. Os próximos días, dicía Ángel Sánchez, serán decisivos para o festival nunha edición na que o orzamento será inferior ao de 2011. Malia diso afirmou que a programación deste ano vainos “situar nun lugar privilexiado”.

Amais Ángel Sánchez apuntou que a pesar das dificultades Play-Doc foi gañando o respecto e o agarimo de profesionais de todo o mundo e foi capaz de atopar o seu lugar no circuíto internacional de festivais, cultivando á súa vez un público numeroso, fiel, heteroxéneo e entusiasta. Máis de 45.000 espectadores xa pasaron por Play-Doc ata a data.
Na sección a competición, na que se repartirán un total de 5.000 € en premios, poderase gozar dunha coidada selección das películas máis representativas do ano. Ademais, segundo os seus directores “o audiovisual galego volverá ocupar un lugar destacado no festival”. Play-Doc vén demostrando un grande apoio ao cinema feito en Galicia, a través da súa presenza na programación, nos seus obradoiros formativos e os seus programas no estranxeiro, coma o que presentou o verán pasado no prestixioso Dokufest, principal cita cinematográfica nos Balcáns.

De cara a este 2012, e como novidade, Play-Doc levará parte da súa programación ao Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña, e ao Instituto Valenciano do Audiovisual e a Cinematografía (IVAC), ao termo da súa edición. Play-Doc amplía así a súa visibilidade no sector nun ano marcado polas incertezas orzamentarias.

Máis información en www.play-doc.com