O OURO DO TEMPO COMPETIRÁ NA SECCIÓN OFICIAL DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE KARLOVY VARY

13 / 06 / 2013

O ouro do tempo acaba de ser seleccionada para participar na sección oficial da 48 edición do Festival Internacional de Karlovy Vary. Este drama intimista, a nova cinta do director galego Xavier Bermúdez, será a única representante do cine español e hispano que opte ao Globo de Cristal no prestixioso certame centroeuropeo.

O ouro do tempo con Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés e Marta Larralde, nos papeis principais, narra como un médico rural mantén na súa casa o cadáver crionizado da súa muller, desde hai máis de corenta anos. A súa paixón por ela e a súa ambición médica levárono a esta situación. Agora, coas enerxías e a saúde reducida, o protagonista ten que recorrer aos coidados dunha enfermeira nova, que fai ás veces de criada. Neste festival, que se desenvolverá na cidade balneario da República Checa entre o 28 de xuño e o 6 de xullo, tamén se levará a cabo a estrea mundial de O ouro do tempo o día 2 de xullo.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: