Otiiplanet Group e Abano Producións participan desde mañá, martes, e ata o vindeiro 14 de setembro na 23ª edición do Cartoon Forum de Toulouse (Francia). As dúas compañías participan co apoio do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) no maior foro europeo de series de animación para televisión onde acoden con “Rascayú”, o único proxecto galego con representación neste encontro.

A asistencia a este mercado está cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través dun convenio de colaboración co CLAG para elevar o nivel de internacionalización das empresas do sector, vixente desde o ano 2010.

O Cartoon Forum é un foro de coprodución de series de animación para televisión no que, durante tres días, produtores europeos teñen a oportunidade de presentar o seu proxecto de animación diante de compradores e investidores na busca tanto de socios coma de financiamento. Nesta edición participarán 800 profesionais procedentes de 32 países, contará con 250 compradores e presentaranse en total 69 proxectos de animación europeos, entre os que está o galego “Rascayú”. Ademais, durante este foro coñecerase o gañador do galardón especial Cartoon d’Or 2012.

“Rascayú”

“Rascayú” é unha serie de animación para TV cun formato de 26 capítulos de 6 minutos onde se narran os avatares de Rascayú, un pequeno e gracioso wsqueleto que, grazas ao trevo de catro follas que habita na súa cabeza, é o ser máis afortunado do seu universo. Trátase dun produto de entretemento baseado no humor e destinado ao consumo familiar. Na actualidade a serie está en pleno proceso de produción e desde Otiiplanet confían en que teña unha boa acollida no mercado europeo.

“Rascayú” é o primeiro proxecto de animación de produción propia da firma coruñesa Otiiplanet Group, ten a Abano Producións na produción executiva e contou co apoio da AGADIC e do ICAA, máis coa colaboración da CRTVG.