A CORUÑA, 16 DE ABRIL DE 2012. Esta mañá presentouse no Centro Ágora da Coruña a gala de entrega dos premios Mestre Mateo 2011, que terá lugar o sábado 28 de abril de 2012 no auditorio Gaviota de Palexco, na Coruña. Baixo a dirección do director e guionista Ángel de la Cruz e presentada pola actriz María Castro, a gala fará un percorrido ácido e autocrítico polas crises económicas ao longo da historia, concluíndo que “toda crise pasada foi sempre peor”. A Academia Galega do Audiovisual entregaralle no transcurso da gala o Premio de Honra Fernando Rey 2011 a Dolores Ben, “unha produtora funtamental para o audiovisual galego”.

Interviron na rolda de prensa Jorge Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Juan Carlos Fernández Fasero, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); a actriz María Castro, quen asumirá o papel de mestra de cerimonias da gala PMM 11; Mª Dolores Faraldo Botana, vicepresidenta 1ª e presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade, Deputación de A Coruña; e María Liaño, produtora executiva da gala.

Jorge Coira quixo destacar o feito de chegar á décima edición. “Custou, pero  estamos orgullosos de conseguilo e queremos celebrar todos xuntos que seguimos existindo a pesar da crise”, sinalou ao respecto. Sumouse á importancia de referenciar este feito Anxo Lorenzo, que sinalou que “non é fácil periodizar un evento destas características”.

Na gala dos Premios Mestre Mateo 2011 entregaranse galardóns en 28 categorías diferentes para as que están nominadas 107 producións. Entre os proxectos que acaparan máis candidaturas están a serie de televisión Matalobos, con 15 nominacións; a longametraxe de ficción Doentes, con 13; a longa de animación Arrugas, con 8; a longa documental Tralas Luces, con 6; e a longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, tamén finalista en 6 categorías.  “Existe un contraste entre a situación económica e o audiovisual, posto que no último ano houbo unha moi boa colleita de producións e o listón puxose moi alto”, subliñou ao respecto Juan Carlos Fasero. Na opinión da actriz María Castro, isto é así porque “o talento nunca está en crise e en Galicia hai talento de sobra”. Destacou tamén a calidade das producións actuais Mª Dolores Faraldo, que se referiu a elas como “tesouros económicos e culturais de Galicia”, e convidou á dirección da Academia a repetir as vindeiras edicións do evento na Coruña.

Pola súa parte, Anxo Lorenzo fixo fincapé na presenza de patrocinadores tanto públicos coma privados entre os apoios cos que conta a gala. “Esa colaboración público-privada é o camiño polo que temos que transitar de maneira clara”, afirmou. “Falar de mercantilización da cultura é unha discusión do pasado, do século XIX”, engadiu. Aludiu ás limitacións da capacidade pública nestes intres e pediu “comprensión e colaboración”. Con todo, reiterou “o compromiso da Xunta coa cultura galega” e confirmou a publicación no DOG do día 18 de abril da convocatoria de axudas ao audiovisual. Sumouse a ese compromiso o director da AGADIC, Juan Carlos Fasero, que agradeceu tamén o esforzo da Academia para sacar adiante a gala e “a súa compresión da conxuntura económica actual”.

Percorrido polas crises históricas

O espectáculo repasará en formato musical e cunha ollada ácida e autocrítica as crises máis importantes dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial do século XIX ata a presente. “O primeiro que me dixeron ao chegar hoxe foi gracias por atreverme a presentar, porque esta é unha gala atípica, un musical no que hai que bailar e cantar, algo que só se fixo unha vez nas edicións anteriores”, comentou María Castro. Con todo, asegurou que lle dá confianza que estea dirixida por Ángel de la Cruz e que o asume como un reto.

Con respecto á temática da gala a actriz sinalou que “a crise hai que tomala con humor, porque agora só se pode ir cara arriba, así que a traballar e a loitar”. Como explicou María Liaño, co-produtora executiva da gala xunto con Sara Horta, “a intención é usar o argumento da crise cunha visión optimista, non derrotista, pois nunca choveu que non escampara”.

Premio de Honra Fernando Rey

No transcurso da gala dos Premios Mestre Mateo 2011, a Academia Galega do Audiovisual entregará o premio de honra Fernando Rey 2011 a Dolores Ben Pena, da que cómpre salientar unha decidida aposta polo audiovisual do país, que vén demostrando nos últimos 20 anos de traballo a prol do sector.

A pesar de ter estudiado arquitectura en Madrid, esta empresaria galega comezou a súa vida profesional sendo técnica de son na discográfica Hispavox, para despois fundar en Vigo a compañía de Son e Dobraxe Sodinor, empresa de referencia na dobraxe cinematográfica, e máis recentemente, en Compostela, Cinemar Films, único estudio de postproducción de son en Galicia e dos poucos de España homologado por Dolby. Cinemar realizou mesturas de longometraxes como Celda 211, Agallas, A metade da Vida, The way, Secuestrados, A tropa de trapo, 18 Comidas, Tralasluces, Lobos de Arga ou Arrugas.

Dolores Ben compaxina a súa labor empresarial coas presidencias da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e da Asociación de Empresas de Dobraxe de Galicia (AITEGA), coas que amosa a súa preocupación por contribuir ao fortalecemento do sector. Tamén forma parte da xunta directiva da Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles (FAPAE) e do comité de selección de proxectos de películas para televisión e series de animación do ICAA. Participou no Congreso dos Diputados da tramitación da Ley del Cine 55/2007.