O SECTOR PEDIRÁ AO MINISTERIO DE CULTURA 9,5 MILLÓNS PARA PRODUCIR SERIES DE ANIMACIÓN

4 / 07 / 2008

As principais compañías adicadas á produción de animación queren un maior compromiso por parte do Ministerio de Cultura para esta industria, tal e como se puxo de manifesto esta mañá no trascurso da mesa redonda “A industria de animación, perspectivas legais e de mercado” na que se analizaron aspectos básicos para o desenvolvemento da industria de animación, como o marco legal, a financiación e o márketing. Esta mesa redonda tivo lugar en A Coruña no marco do I Foro da Industria da Animación, FIA-Galicia 2008, organizado polo Clúster Audiovisual Galego.
Paco Rodríguez, produtor executivo de Filmax Animation, adiantou neste senso que o sector da animación negociará co Ministerio de Cultura a proposta dun investimento de 9,5 milllóns de euros anuais para a producción de series de animación, o que suporía un 15% do fondo de protección do ICAA. Valorou como positivo que a Lei do Cine contemple expresamente a animación, se ben, na súa opinión presenta unha serie de carencias neste ámbito. Entre outras, no borrador non se fai referencia ao rexistro de obras audiovisuais, nin se recollen as axudas existentes na pasada lexislatura aos pilotos de animación, nin se fai alusión ás novas formas de explotación, como a descarga legal de contidos e a difusión a través das novas tecnoloxías. Por outra banda, “o borrador debería describir a operatividade e transparencia dos mecanismos fiscais contidos na lei e aclarar o sistema das desgravacións fiscais”, segundo Rodríguez, que tamén opina que a nova Lei do Cine debería considerar, amais dos criterios culturais, os aspectos técnicos e de mercado para a evaluación dos proxectos de tv-movies e series de animación.

Visión internacional dos proxectos

Unha das claves para abordar con éxito as produccións de animación pasa por “ter unha visión internacional dende a orixe do proxecto”, segundo explicou na mesa redonda Fernando de Miguel, director xeral da produtora Zinkia. Complementariamente, hai que planificar todos os aspectos da financiación, estudar e profundizar cada proxecto, o seu perfil, as súas necesidades e o seu esquema de amortización. Predefinir o modelo axeitado de cofinanciamento internacional e o perfil do potencial candidato, amais de anticiparse aos problemas e plantear as posibles solucións contractualmente, resultan imprescindibles para asegurar a viabilidade dos proxectos, segundo afirmou de Miguel.

A importancia do márketing na industria da animación centrou a intervención de David Matamoros, de Benecé Producciones, que está convencido de que “un valor diferencial é fundamental neste mercado globalizado”, nun sector que se dirixe a un público que sufriu grandes transformacións nos últimos tempos. “Os nenos de hoxe en día son educados por impactos audiovisuais, consumen iconos; polo que as marcas e produtos dirixidos a eles teñen que ter a capacidade de facerlles soñar”, explicou. Espectacularidade, inxenio, feitos inesperados, sorpresas, diversión ou música son algúns dos parámetros cos que hai que concebir as producións de animación para nenos, segundo Matamoros.

O modelo de Francia

David Boischot, da produtora francesa de Benecé Produccións, expuxo os modelos de producción de animación que se desenvolven en Francia, país europeo líder na exportación das producións audiovisuais para televisión. Segundo Boischot, o éxito do modelo francés reside no sistema de axudas estatal que obriga tanto ás canles públicas como privadas a invertir na producción deste sector. No sector público, por exemplo, existe un acordo para invertir en programas e longametraxes de animación por un valor de 55 millóns de euros para o vindeiro 2009.

Apoio das televisións á animación

A mesa redonda brindou tamén a posibilidade de coñecer os criterios dalgunhas canles de Tv públicas sobre a animación. TVE, representada no FIA por José María Albendí, pronostica que o apagón analóxico conlevará un cambio total na programación “polo que haberá que potenciar a emisión de animación tanto en canles en aberto como de pago”. O relator explicou que para TVE a inversión en animación, máis que unha cuestión económica, é una cuestión política, xa que supón o apoio a unha industria dedicada aos cativos.

Encina Ramos, xefa de servizo de produción allea da TVG, explicou que o obxectivo da canle autonómica é manter un equilibrio entre producións de animación americanas, xaponesas e europeas. “Nesto consiste a nosa diferenciación, o que permitiu manter esta franxa de programación de animación ininterrumpidamente ao longo dos últimos 15 anos”. Asemade Ramos asegurou que “existe un forte compromiso” coa animación, aínda que presupostariamente non estea escrito.

Categoría: Noticias
Etiquetas: