A Concellaría de Cultura da Coruña continúa co seu programa de formación teatral “Actúa”, que nesta ocasión estará adicado á interpretación enriba dos escenarios. O taller terá lugar entre o 7 e o 10 de febreiro, de 16 a 21 horas, baixo o título “Da interpretación teatral á interpretación para a cámara” e será impartido por Mariana Carballal, profesora de Interpretación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e profesora de Dirección e Interpretación en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo. Poderán participar entre 8 e 12 persoas e o custo será de 30 euros.

Programa: O tránsito dende o teatro ao audiovisual pasa por coñecer e recoñecer as características e técnicas específicas que requiren ambos medios, para poder cruzar a ponte dun ámbito ao outro aproveitando ao máximo as posibilidades que ofrecen. Por iso, partindo das técnicas teatrais en canto á utilización psicofísica destas polo actor ou actriz, descubriremos as similitudes e diferenzas da súa utilización na interpretación ante a cámara. Así elementos que inflúen en ambos campos:

■Simultaneidade
■Continuidade
■Voz e o texto
■Movemento e o corpo
■A liña de enerxía
■A escoita activa
■A memorización
■Do estímulo a reacción
■O arco da personaxe

Serán revisados a través de exercicios prácticos (secuencias cinematográficas e de TV), para ofrecer aos participantes recursos e técnicas que lles permitan acadar óptimos resultados na interpretación ante a cámara.