O FORO ACADEMIA ABERTA AFONDARÁ NA NECESIDADE DE POTENCIAR A CREATIVIDADE EN TEMPOS DE CRISE

11 / 11 / 2010

A Academia Galega do Audiovisual presentou esta mañá o Foro Academia Aberta “Creatividade na crise. Adaptarse ou desaparecer”, co que continúa coa organización de eventos formativos para o sector audiovisual. Nesta oitava edición, o Foro afondará no problema da crise económica estructural e en como potenciar as dificultades para convertelas en oportunidades de éxito apoiándose, sobre todo, na creatividade e na innovación. O evento, que está coordinado polo Académico Manolo González, enmárcase dentro do festival Cineuropa, e terá lugar dende o 16 ao 18 de novembro na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela.

No acto de presentación no Teatro Principal compostelán, estiveron presentes Carlos Ares, secretario da Academia Galega do Audiovisual; Jose Luís Losa, director de Cineuropa; e Ana Salgado, Xerente da Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela.

Dende esta nova edición do Foro Academia Aberta preténdese abrir unha pequena cancela que permita indagar e investigar, de forma profesional, novas vías de financiamento, de innovar na distribución dos produtos audiovisuais e mesmo de amosar outros xeitos de contar historias. En definitiva, para seren conscientes de que precisamos entender e adaptármonos en positivo a estes novos tempos, e ademais porque neles poden estar as claves do futuro dos traballadores do noso audiovisual.

Un amplo abano de profesionais
O Foro contará con tres mesas redondas. O martes 16, baixo o título “O Financiamento” afondará nas novas formas de financiamento que posibiliten producir proxectos viables. Nesta mesa participarán contando a súa experiencia Luis Miñarro, produtor de cine independente; Rubén Zarauza, produtor; e Toni Carrizosa, director de produción.

O mércores 17, será o momento de falar dunha das debilidades tradicionais de gran parte do cinema español e  moi en especial do galego. Referímonos aos procesos intermedios que posibilitan o contacto do publico coa obra audiovisual, a “explotación e difusión de obras”. Para afondar no tema os convidados serán Jaume Ripoll, director de proxecto de Filmin; Jorge Carrasco, especialista en Cine Dixital; e María Yáñez, produtora de contidos de A Navalla Suíza.

Xa para finalizar, o Foro Academia Aberta 2010 porá o seu peche cun coloquio adicado aos “Creadores”. A pesares da crise xeral na que está sumido o sector, existen  creadores que seguen sacando adiante os seus filmes baixo a etiqueta “de baixo orzamento” e acadando importantes éxitos dentro e fóra das nosas fronteiras. Albert Serra, director; Ángel Santos Touza, director; Mario Iglesias, director; e Olaia Sendón, documentalista; serán os encargados de afondar neste tema.

Todas as mesas redondas serás ás 18 horas. Para máis información poden consultar a páxina web da Academia Galega do Audiovisual www.academiagalegadoaudiovisual.gal

Categoría: Noticias
Etiquetas: