Baixo o título de Filminho 2008: reflexións sobre o audiovisual galego e portugués englobarase o conxunto de todas as actividades dedicadas á formación e á produción do Filminho. Unha proposta dirixida polo profesor Carlos Quiroga que conseguiu o respaldo da Universidade de Santiago de Compostela dentro da súa oferta de Cursos de verán 2008.
O Filminho, a festa do audiovisual galego e portugués vai a celebrar a súa primeira edición do 22 ao 27 de xullo en Vila Nova de Cerveira e en Goián (Tomiño), un evento que adquire o cualificativo de internacional porque decorrerá ao mesmo tempo a ambas ribeiras do Miño. Este festival aspira a converterse na cita de convivio entre os creadores e público dos dous países, unha ponte dinámica para propiciar as relacións culturais transfronteirizas. Esta configuración tamén lle outorga a este curso de verán un campus carácter internacional pleno.

Con este propósito tamén se quere reflexionar sobre os últimos pasos que están a dar as dúas cinematografías, apostando, de maneira declarada, polo talento dos novos creadores, polas fórmulas de produción con independencia da industria e indagar nas potencialidades do territorio como definidor de identidades. Estes tres fíos son os que tecen a programación deste curso de verán que contará con ampla representación de ensinantes e realizadores de ambos lados da raia para establecer unha dialéctica máis fructífera.

O prazo de inscrición xa está aberto. Desde o 21 de maio os interesados xa se poden inscribir a través de internet (http://www.usc.es/cultura/cveran08.htm), desde o 11 de xuño ao 11 de xullo poderase facer a matrícula de maneira presencial ou por correo ordinario. Filminho, reflexións sobre o audiovisual galego e portugués conta con 30 horas lectivas (23 aulas + 15 sesións con proxeccións + 6 galas especiais + 6 actividades de lecer) cun prezo de inscrición de 70 euros. Facer a matrícula do curso serve para asistir de balde a todas as proxeccións retirando previamente as entradas de cada sesión. Tamén os participantes contarán cun seguro académico e a posibilidade de conseguir créditos da universidade. O curso ten prazas limitadas de 80 alumnos.

Os participantes no Curso de Verán tamén serán decisivos no rumbo do Filminho, e por ende, do cinema minhoto, porque serán responsábeis na puntuación do Fórum de Creadores. O programa do Filminho: reflexións sobre o audiovisual galego e portugués ten un deseño para poder achegarse dun xeito distendido a un público novo e interesados nas novas tendencias audiovisuais que están enraizando no occidente peninsular.

Para máis información sobre o curso de verán:
http://www.usc.es/cultura/cveran08.htm#TOMIÑO_/_VILANOVA_DA_CERVEIRA
http://filminho.info/index.php?pr=Curso_de_Verão_USC