O FESTIVAL DE CANS RECIBE O GALARDÓN Á INICIATIVA CULTURAL DOS PREMIOS DA CRÍTICA – GALICIA 2009

5 / 05 / 2009

A Fundación dos Premios da Crítica – Galicia decidiu esta fin de semana outorgar o premio na categoría de Iniciativas Culturais ó Festival de Cans. É a primeira vez que un festival audiovisual recibe este galardón, un dos máis prestixiosos de Galicia polo que a organización agradece o premio e afirma que suporá un “grande impulso” para a celebración da edición deste ano, que terá lugar do 20 ó 23 de maio e que será presentada en rolda de prensa o próximo venres 8 de maio.

 

Os premiados noutras categorías son Ramón Lorenzo Vázquez (Galego Egrexio), Luis González Tosar (Creción Literaria), Enrique Monteagudo (Investigación), Camilo Nogueira Román (Ensayo e Creación), Juan Durán (Música) e Nova Galega de Danza (Ciencias e Artes da representación). Os galardóns entregaranse nun acto que terá lugar o 30 de maio en Mondariz Balneario. 

Na edición  do ano pasado, o Premio da Crítica – Galicia á Iniciativa Cultural foi para o Arquivo do Reino de Galicia. Entre outros, recibiron este premio anteriormente a Asociación Cultural Xérmolo de Guitiriz, A Peneira, o Museo Etnográfico de Limia, a Semana Galega de Filosofía de Pontevedra, os cadernos da Escola Dramática Galega, o Grupo Atlántica e o Museo do Pobo Galego.  

Os premios da Crítica – Galicia convocáronse por primeira vez no ano 1978 polo Círculo Ourensán Vigués e en 1992 fíxose cargo deles a Fundación Premios da Crítica – Galicia.  Avance presentación de prensa O próximo venres, 8 de maio, terá lugar en Cans (O Porriño, Pontevedra) a presentación do VI Festival de Cans coa presencia da organización e dalgún dos protagonistas da edición deste ano.  

Máis información: www.festivaldecans.com ou contactar con Tamara Blanco, tfno. 692164469

Categoría: Noticias
Etiquetas: