O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA DESTINA 80.000 EUROS PARA AXUDAS

2 / 01 / 2009

Trátase dunha iniciativa pioneira en todo o estado que constitúe un dos instrumentos de promoción audiovisual máis importante para as produtoras galegas. Ata a convocatoria actual beneficiáronse do proxecto 53 webs.
Por sexto ano consecutivo, e dentro do seu Plan de Actividades para o ano 2009, o Consorcio Audiovisual de Galicia convoca axudas para a promoción de producións audiovisuais a través de Internet. O Consorcio Audiovisual de Galicia destina a estas axudas un total de 80.000 euros.

O Consorcio Audiovisual de Galicia, consciente de que internet é unha das mellores vías para a promoción audiovisual galega onde poder competir en condicións de igualdade, decide apoiar ao sector na rede.

Esta iniciativa, única en todo o Estado, enmárcase na liña que segue o Consorcio de colaboración e promoción dos produtos audiovisuais galegos. Deste xeito, a través destas axudas preténdese por en valor aquelas características que teñen as webs, tales como a promoción, a visibilidade do produto e a creación de expectativas diferenciais.

Ademais, na convocatoria deste ano, engádense dous requisitos para poder acceder ás axudas. Dun lado, a web deberá ser accesible (condición básica para o acceso das persoas con discapacidade) e, doutro, ter un bo nivel de percepción visual e creativa.

O anuncio da resolución pola que se convocan as axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia o próximo 23 de febreiro e o prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de decembro de 2009.

O Consorcio Audiovisual de Galicia destina un total de 80.000 euros para as axudas a webs de producións galegas. O importe da axuda non poderá ser superior ao 40% do presuposto declarado, IVE excluído, establecéndose unha contía máxima de 9.000 euros por proxecto e sempre que exista dotación orzamentaria.

Ata esta convocatoria, a liña de axudas a webs de producións galegas beneficiou 53 producións entre as que se atopan títulos como O ano da carracha de Filmanova, Donkey Xote de Filmax, Un franco, 14 pesetas de Adivina Producciones, De Profundis de Continental Producciones, Gritos en el pasillo de Perro Verde Films ou De Bares de Matriuska Producciones.

Categoría: Noticias
Etiquetas: