O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA ANUNCIA AXUDAS PARA A COPRODUCIÓN CON BRASIL

4 / 04 / 2008

Trátase dunha iniciativa pioneira que fornece as relacións audiovisuais entre ambos países, con axudas de ata 120.000 euros. Reforza a política de coprodución internacional da Xunta de Galicia no eido audiovisual.

Cun importe máximo de 120.000 ¤ en concepto de axuda por proxecto, financiaranse a través do Fondo de Coprodución, un total de 2 producións por ano, unha de participación maioritaria galega e outra de participación maioritaria brasileira. Consolídase así a política de coprodución audiovisual internacional promovida desde a Xunta de Galicia a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, que xa mantén acordos semellantes con Arxentina, Cuba e México.

Estimular a coprodución entre Brasil e Galicia

Dentro do seu Plan de Actividades para o 2008, o Consorcio Audiovisual de Galicia convoca, por primeira vez, axudas a produtoras independentes co fin de impulsar a coprodución de longametraxes cinematográficas galego-brasileiras. O anuncio da resolución destas axudas publicouse no Diario Oficial de Galicia o 4 de abril, e o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 5 de maio de 2008. Pola súa banda, o goberno de Brasil publicouno no boletín oficial do Ministerio de Cultura, nº 01, con data 26 de marzo de 2008.

O Protocolo para o establecemento dun programa de cooperación cinematográfica entre Brasil e Galicia, asinouse o pasado 16 de marzo de 2007 en São Paulo. Os asinantes foron por parte brasileira, o Ministerio da Cultura e máis a Agência Nacional do Cinema (ANCINE) e, doutro lado, a Xunta de Galicia e o Consorcio. O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, acudiu a este acto oficial en Brasil, onde ademais tivo lugar o 1º Encontro de Produción Galicia-Brasil que terá a súa 2ª edición no mes de xuño en Galicia. Seguidamente, o 21 de setembro de 2007 asinouse un Protocolo de Colaboración entre o Consorcio e ANCINE, a través do cal se creou un fondo económico destinado a financiar proxectos audiovisuais de produción independente en réxime de coprodución galego-brasileira. Segundo este acordo, financiaranse a través do Fondo de Coprodución 2 producións por ano, unha de participación maioritaria galega e outra brasileira.

Valoración dos proxectos

A valoración das solicitudes realizarase en base aos criterios cualitativos do proxecto (orixinalidade e interese do argumento, estrutura do guión e calidade dos diálogos e da narración, trato visual, historial do equipo técnico e do equipo artístico) e aos criterios industriais (historial da produtora solicitante, das empresas coprodutoras e dos produtores executivos, financiamento, plan de lanzamento, análise e previsión dos ingresos, adecuación e coherencia do presuposto ao proxecto presentado), así como á súa relevancia dende o punto de vista das relacións culturais entre Galicia e Brasil.

As solicitudes serán valoradas por unha Comisión técnica composta por dous representantes do Consorcio e dous de ANCINE. A reunión desta Comisión terá lugar o vindeiro mes de xuño, en Santiago de Compostela, coincidindo coa celebración do 2º Encontro de Produción Galicia-Brasil e a 1ª Mostra de Cine Mexicano-Brasileiro.

No referente ao sistema de pago: o primeiro do 50% realizarase ao inicio da rodaxe, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na convocatoria; un 30% da axuda ao inicio da montaxe da produción (comunicándollo ao Consorcio nun prazo non inferior aos 15 días previos) e un terceiro e último pago do 20% restante á entrega dos materiais e documentación requiridos na convocatoria.

Categoría: Noticias
Etiquetas: