Tal e como se anunciou no 3º Encontro Audiovisual Galicia-Brasil celebrado entre o 12 e o 15 de marzo en Salvador de Bahía, o vindeiro luns abrirase oficialmente o prazo de presentación de solicitudes para a segunda convocatoria do Fondo de coprodución Galicia-Brasil. Durante este Encontro establecéronse novos contactos entre produtores galegos e brasileiros e consolidaronse varios dos proxectos iniciados nas anteriores edicións.

 

Este acontecemento gozou dun grande éxito de participación e deixou patente unha vez máis o interese mostrado tanto por parte galega como brasileira en continuar a consolidación das relacións comerciais e o afianzamento dos compromisos adquiridos ao longo destes anos entre as institucións audiovisuais de ambos os territorios. 

Tras a boa acollida recibida na primeira edición, neste ano o Fondo increméntase economicamente coa inclusión expresa dun proxecto documental, dotado dun orzamento propio, consecuencia do elevado número de inscricións correspondentes a este xénero que se deron na edición do 2008, e continua mantendo o apoio ás dúas longametraxes de ficción e/ou animación (unha maioritaria brasileira e outra maioritaria galega) coas que xa se contaba nas anteriores bases do 2008. Consolídase deste xeito a política de coprodución audiovisual internacional promovida desde a Xunta de Galicia a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, que xa mantén outros acordos de coprodución como o Programa Raíces con Arxentina e Andalucía.  

Estimular a coprodución entre Brasil e Galicia 

Dentro do seu Plan de Actividades para o 2009, o Consorcio Audiovisual de Galicia fai pública a segunda convocatoria de axudas a produtoras independentes co fin de impulsar a coprodución de longametraxes cinematográficas galego-brasileiras. O anuncio da resolución publicarase o vindeiro luns, 30 de marzo no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de abril de 2009. O importe total máximo destinado a estas axudas por parte do Consorcio Audiovisual de Galicia, nesta segunda convocatoria, é de 160.000 €, repartidos do seguinte xeito: 120.000 € para proxectos de longametraxe cinematográfica de ficción e/ou animación, e de 40.000 € para un proxecto de longametraxe documental. 

As producións subvencionables deberán ser coproducións galego-brasileiras, sendo posible a participación dun coprodutor dun terceiro país que non sexa Brasil ou Galicia.

 A valoración das solicitudes realizarase en base aos criterios cualitativos do proxecto (orixinalidade e interese do argumento, estrutura do guión e calidade dos diálogos e da narración, trato visual, historial do equipo técnico e do equipo artístico) e aos criterios industriais (historial da produtora solicitante, das empresas coprodutoras e dos produtores executivos, financiamento, plan de lanzamento, análise e previsión dos ingresos, adecuación e coherencia do presuposto ao proxecto presentado), así como á súa relevancia dende o punto de vista das relacións culturais entre Galicia e Brasil.  

As solicitudes serán valoradas por unha Comisión técnica composta por dous representantes do Consorcio e dous de Agência Nacional do Cinema (ANCINE). A reunión desta Comisión terá lugar o vindeiro mes de xuño en Brasil. No referente ao sistema de pago: o primeiro do 50% no momento da concesión, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na convocatoria; un 30% ao inicio da rodaxe (que deberá ter lugar antes do 31 de marzo de 2010) e un terceiro e último pago do 20% restante á entrega dos materiais. Con esta medida preténdese favorecer ás produtoras beneficiarias xa que disporán do 80% do importe da subvención ao inicio da rodaxe. 

Antecedentes 

Esta innovadora ferramenta de financiamento naceu mediante a sinatura o 21 de setembro de 2007 dun protocolo de colaboración, polo que se comprometían a ANCINE e o Consorcio Audiovisual de Galicia a crear un Fondo de Coprodución de proxectos audiovisuais galego-brasileiros. Este é o único acordo de coprodución con dotación económica, existente entre Brasil e España.

 

Os primeiros froitos desta iniciativa son dúas coproducións que se atopan en fase de pre-produción O Sexo dos Anxos, de Continental Producciones S.L. e de CCFBR Produçoes Audiovisuais LTDA., como produción maioritaria galega e Entre a Dor e a Nada, das produtoras MPC & Asociados, Ficción Producciones, S.L. e Filmes do Tejo, como produción maioritaria brasileira e que verán a luz a finais deste ano.