O CONCELLO DA CORUÑA ORGANIZA «ACTÚA», O PROGRAMA DE FORMACIÓN TEATRAL PARA PROFESIONAIS

13 / 01 / 2011

A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña, vén de convocar para este ano 2011 o programa «Actúa», unha acción formativa o eido teatral dirixida a profesionais deste sector. As inscricións para os obradoiros poden realizarse na dirección web www.servinova.com , no número de teléfono 902 504 500 ou na billeteira da praza de Ourense.

En concreto, os talleres en cuestión serán os seguintes:

1.- A ARTE DO ACTOR E O PROCESO CREATIVO:
Os Viewpoints e a Técnica de Composición
Por ÓSCAR CODESIDO, profesor de Interpretación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia .
Participantes: de 8 a 12
Datas: 19, 20, 21, 26 e 27 de xaneiro
Horario: de 17 a 21 h.
Inscrición: 30,00 €
Programa: O obxectivo desta proposta é compartir cos compañeiros da profesión a formación recibida e os coñecementos adquiridos sobre diferentes aspectos do traballo actoral con destacados profesionais do panorama internacional e englobar diferentes procedementos técnicos da arte e a súa vinculación directa co acto creativo, desexando que sexa de grande utilidade e abra camiños e novos puntos de vista tanto a consolidadas coma a novas xeracións de actores e actrices.
O programa de traballo centrarase no traballo sobre diferentes elementos imprescindibles para a creación escénica que esencialmente se basean no Tempo Dramático: tempo, duración, repetición e resposta escénica e o Espazo Dramático: forma corporal, xesto, Relación Espacial, Arquitectura e Topografía Escénica.
Abordásense tamén diferentes procedementos sobre o asunto compositivo en relación tanto á elaboración da partitura de accións físicas, coma á creación do itinerario da atención do espectador. Dende un punto de vista máis individualizado trataranse aspectos como:

– A estrutura da acción e o seu desenvolvemento fóra do corpo humano.
– As estruturas da composición
– O traballo sobre o centro
– Desenvolvemento da atención e a percepción

2.- DA INTERPRETACIÓN TEATRAL Á INTERPRETACIÓN PARA CÁMARA
Por MARIANA CARBALLAL, profesora de Interpretación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e profesora de Dirección e Interpretación en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo
Participantes: de 8 a 12
Datas: do 7 ao 10 de febreiro
Horario: 16 a 21 h. (20 horas)
Inscrición: 30,00 €
Programa: O tránsito dende o teatro ao audiovisual pasa por coñecer e recoñecer as características e técnicas específicas que requiren ambos medios, para poder cruzar a ponte dun ámbito ao outro aproveitando ao máximo as posibilidades que ofrecen.
Por iso, partindo das técnicas teatrais en canto á utilización psicofísica destas polo actor ou actriz, descubriremos as similitudes e diferenzas da súa utilización na interpretación ante a cámara. Así elementos que inflúen en ambos campos:
– Simultaneidade
– Continuidade
– Voz e o texto
– Movemento e o corpo
– A liña de enerxía
– A escoita activa
– A memorización
– Do estímulo a reacción
– O arco da personaxe
Serán revisados a través de exercicios prácticos (secuencias cinematográficas e de TV), para ofrecer aos participantes recursos e técnicas que lles permitan acadar óptimos resultados na interpretación ante a cámara.

3.- CURSO DE INTERPRETACIÓN
Por JOHN STRASBERG, director teatral creador do Proceso Creativo Orgánico para o traballo de interpretación
Lugar: Teatro do Andamio
Datas: do 21 de febreiro ao 4 de marzo
Horario: luns a venres, de 10 a 15 h.
Participantes: 24 + 6 oíntes
Datas: do 21 de febreiro ao 4 de marzo.
Horario: luns a venres, de 10 a 15 h. (30 horas)
Inscrición: 300,00 €
Programa: Traballo sobre unha escena escollida por cada alumno ou grupos de alumnos coas seguintes premisas:
1.- Una vez feita a inscrición condicional a organización poñerase en contacto coas persoas interesadas para solicitarlles o seu curriculum e a escena ou escenas que queiran traballar para formar un grupo cohesionado. As persoas que queden fóra do grupo poderán asistir como oíntes.
2.- Cada alumno/a trae a escena coa que vai traballar, estudada de memoria e analizada.
3.- Nos casos en que varios alumnos traballen xuntos unha mesma escena, dedicaráselles un tempo maior.

4.- O TEATRO EN ESPAZOS ALTERNATIVOS
Por ALBERTO ROMERO, técnico de produción e xestión teatral e director de actores
Participantes: de 8 a 14
Datas: do 14 ao 17 de marzo.
Horario: 16 a 21 h. (20 horas)
Inscrición: 30,00 €
Programa: O feito escénico é esencialmente espacial e espectacular. Sucede nun espazo e é percibido por un público. Por iso, as características que configuren o espazo no que transcorra a acción así como a distribución e posición do público determina de forma clara a utilización de técnicas concretas que posibiliten a comunicación precisa do intérprete co espectador.
Dende esta perspectiva este taller aborda técnicas aplicadas á creación teatral en espazos pechados ou abertos non convencionais, con público expectante ou improvisado, quieto ou en movemento, traballando de modo diferencial aqueles elementos técnicos que o actor e a actriz manexan no seu quefacer interpretativo: expresión, movemento, enerxía, proxección… en consideración a diversos ámbitos escénicos máis alá do clásico escenario á italiana.

5.- DO MONÓLOGO AO DIÁLOGO
Por ALBERTO ROMERO, técnico de produción e xestión teatral e director de actores, e OLGA
MAGAÑA, profesora de Interpretación da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Participantes: de 8 a 14
Datas: do 28 de marzo ao 1 de abril
Horario: de 16 a 21 h. (25 horas)
Inscrición: 35,00 €
Programa: Este curso, dirixido a profesionais do teatro, aborda e afonda diversas técnicas de
investigación e expresión co obxectivo de servir de utilidade no traballo de creación de actores e actrices á hora de enfrontarse a un monólogo dende os seus diversos formatos, así como a aplicación, desenvolvemento e concreción das devanditas técnicas en escenas dialogadas.
En virtude das características peculiares que configuran o interlocutor escénico (público, personaxe presente, ausente, real ou virtual) abordaranse tratamentos específicos do ritmo, a cadencia, o movemento e o espazo discorrendo do texto á escena, da acción á palabra… do monólogo ao diálogo. Direccionalidade, técnica e a combinación dos diferentes rexistros posibilitaranos transmitir organicamente o discurso interpretativo

6.- OBXECTO, ESPAZO , ACCION
Por JOSE LUIS RAYMOND, profesor titular de Espazo Escénico na RESAD
Participantes: de 8 a 12
Datas: do 11 ao 16 de abril
Horario: de 9 a 14 h. ou de 16 a 21 h. ou repartido entre mañá e tarde (30 horas)
Inscrición: 40,00 €
Programa: Este curso está destinado a actores, actrices ou artistas plásticos que queiran traballar cos conceptos espaciais contemporáneos, así como cos elementos e materiais que xorden das dramaturxias visuais con estes obxectivos:
• Coñecer a acción teatral a través do obxecto como desenvolvemento visual, conceptual e estético de situacións que pasan pola abstracción , a narración e o simbolismo.
• Creación de espazos persoais, onde os apéndices corporais forman parte da prolongación da personalidade artística e visual. Tadeus Kantor, coas súas mochilas e apéndices corpóreos.
• Utilización do obxecto cotián como desenvolvemento creativo na arte contemporánea
En cada sesión, traballarase durante as 3 primeiras horas coa plasticidade espacial, onde o alumnado manipulará un espazo a escuras e en cada sesión se engadirá un punto de luz, para desenvolver e investigar o espazo dende o baleiro. As outras 2 horas, traballarase con materiais para a creación e incorporación ao espazo, de obxectos escultóricos cos que teñen que crear unha dramaturxia obxectual. A teoría vén dada dende a práctica e será acompañada de material visual que corresponda, tanto na primeira coma na segunda parte da clase.

7.- A EXPRESIÓN DO CLOWN
Por MICHELE DALLAIRE, mestre de Clown no Hangar des Mines en Francia está considerado como unha das figuras máis representativas e valoradas do clown contemporáneo
Lugar: Asocación Manicómicos
Datas: do 27 abril ao 1 maio
Horario: de 10.30 a 14 e de 16 a 19 h.
Participantes: 18 (+ 10 oíntes)
Datas: do 27 abril ao 1 maio
Horario: de 10.30 a 14 h. e de 16 a 19 h. (32,5 horas)
Inscrición participantes activos: 150.00 €
Inscrición participantes oíntes: 75.00 €
Programa: Desenvolver e fixar a arte da autoescoita e o control do fluxo de enerxía en escena con un mesmo e co público tendo en conta a técnica do Clown.
Os temas que se van tratar son:
• a personaxe a través do corpo: disociacións, silueta, pesos, expresividade, transferencias de enerxía, xeitos de camiñar e comportarse, ritmo, marcas, actitudes físicas, tics…
• o xogo escénico e as técnicas de actuación: a relación co público, a urxencia, o ritmo, o gag, a sorpresa, a reactivación, a escoita, o espazo…
• a construción: a entrada a escena, o pretexto, a reacción, a graduación das emocións, o tempo do público, o risco, as bromas, o fracaso, a saída…

8.- A VOZ NA EXPRESIÓN TEATRAL
Por SANTIAGO FERNÁNDEZ, actor e escritor, e MANUEL LOURENZO, actor, dramaturgo e
director teatral.
Participantes: de 10 a 15
Datas: do 9 ao 12 de maio
Horario: 16 a 19 h. (12 horas)
Inscrición: 15.00 €
Programa: Do estudo da voz do actor –un dos eixes da expresión teatral- á súa implicación na
personaxe, eixe da acción escénica.
1. A voz do actor
– Respiración
– Relaxación e movemento.
– O arco vocálico. Orixe dos sons.
– Os ritmos. Acentos, pausas, minoración, etc.
– Exercicios prácticos: lectura, improvisación.
2. A voz da personaxe
– Da voz do actor á voz da personaxe.
– A personaxe. Contexto e características: época-momento, tempo-situación, psicoloxía, episodio-conflito.
– Exemplos prácticos.

Categoría: Noticias
Etiquetas: