O CLAG VIAXA O INTERNATIONAL BROADCASTING CONVENTION DE AMSTERDAM

10 / 09 / 2009

 

O CLAG viaxa a Amsterdam para contactar cos principais proveedores de equipamento audiovisual no International Broadcasting Convention. Unha delegación de dez empresas pon rumbo hoxe á capital holandesa para asistir o IBC dende o 10 ao 15 de setembro.

Unha delegación de dez empresas galegas, formada por Dygra Films, Voz Audiovisual, Lambdastream, Spica, Popular TV, CTV, Continental Producciones, Arantia, TV7-Setemedia e Enxebre Entertainment, viaxa hoxe a Amsterdam para asistir ao International Broadcasting Convention, IBC,  que se celebra do 10 ao 15 de setembro. Esta misión, promovida polo CLAG dentro do seu Plan de Internacionalización do sector, ten como obxectivo situar ás empresas audiovisuais de Galicia neste foro considerado de referencia internacional no ámbito da radiodifusión, os componentes electrónicos, a televisión e as tecnoloxías multimedia aplicadas á comunicación. 

No seu conxunto, a delegación empresarial galega desprazase ao IBC interesada en descubrir novas solucións tecnolóxicas e contactar con proveedores de equipamento para TDT, tecnoloxía HD ou 3D estereoscópica, entre outros. Esta misión a Amsterdam obedece a un dos obxetivos preferentes do CLAG de estimular o proceso de internacionalización do sector, mediante programas que axuden ás empresas a acceder a novos mercados e explorar modelos emerxentes de negocio derivados dos novos desenvolvementos tecnolóxicos. 

Neste senso, o IBC é unha oportunidade para coñecer os últimos desenvolvementos tecnolóxicos aplicados ao sector audiovisual, polo que será unha plataforma para que as empresas galegas descubran as últimas tendencias en asuntos clave para a súa actividade, como os cambios no comportamento das audiencias nas diferentes plataformas e tipos de pantallas, as novas pautas na creación e consumo de contidos ou os novos modelos no negocio da emisión. 

Durante as sesións do IBC, abordaranse temas estructurados en tres áreas: avances tecnolóxicos, creación e innovación de contidos e o negocio da emisión. Os participantes coñecerán os novos modelos de negocio que emerxen dos últimos desenvolvementos tecnolóxicos, compararán experiencias de estudos sobre os compoñentes tecnolóxicos e obterán respostas no campo da IPTV ou a HD, as novas tendencias na creación e consumo de contidos, as novas técnicas de produción para estimular a audiencia, etc.

Categoría: Noticias
Etiquetas: