O CLAG considera que o presuposto adicional de 7 millóns de euros para TVG no periodo 2008-2010, anunciado polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, vai exercer un efecto multiplicador sobre o sector audiovisual galego e vai actuar como claro dinamizador desta industria.
Amais, o CLAG valora moi positivamente a dotación destes novos recursos económicos por canto garantirá o cumprimento da lei que, en aplicación de directivas europeas, establece a obrigatoriedade para as canles públicas e privadas do investimento mínimo anual do 5% do seu volume de negocio en produción audiovisual europea, debendo destinarse o 60% deste financiamento a producións cuxa lingua orixinal sexa calquera das oficiais en España.

O CLAG, como organismo de cooperación empresarial que reune a 50 empresas asociadas, entre elas TVG, empresa motora do sector audiovisual en Galicia, xa tiña aberta con anterioridade unha liña de diálogo cos directivos da canle autonómica con este propósito e anuncia a súa disponibilidade a manter aberta esta vía de colaboración entre o sector e a televisión autonómica para identificar os contidos e xéneros máis axeitados ás necesidades de programación e acordar criterios económicos de participación de TVG nos beneficios de explotación das producións. Por último, o CLAG quere suliñar a capacidade de diálogo amosada por TVG durante todo este proceso, no que tamén participou AEGA, como patronal do sector.