O Clúster Audiovisual Galego, CLAG, ostenta a representación do Foro de Clústers Audiovisuais no Foro Internacional de Contenidos Digitales,  FICOD 09, que foi inaugurado esta mañá no Palacio de Congresos Juan Carlos I en Madrid, polos ministros de Industria e Cultura, e no que se dan cita relevantes expertos da industria internacional dos contidos dixitais e as empresas máis punteiras do sector audiovisual. O actor e produtor Kevin Space presentou hoxe o seu novo proxecto sobre o fenómeno das redes sociais, The Social Network, que se estrenará en 2010, nunha entrevista realizada por Manuel Campo Vidal,  dentro da programación de FICOD.

O Foro de Clústers participa en FICOD 09 cun stand colectivo que, xestionado polo CLAG, ofrece información dos clústers audiovisuais de Galicia, País Vasco, Estremadura, Baleares, Canarias, Madrid e Comunidade Valenciana, que integran o Foro. O stand colectivo é unha aposta por aunar sinerxias entre os clusters, dar un maior peso ao empresariado audiovisual nos foros e mercados e  fomentar a colaboración entre as comunidades, así como por deseñar unha estratexia común para o desenvolvemento do sector audiovisual en España. Durante a primeira xornada, o stand foi hoxe visitado por numerosos profesionais de empresas e organismos.

Nesta liña, unha das máis recentes iniciativas do Foro é a elaboración dun Plan de Innovación que se presentará en decembro no III Foro de Clústers en Valencia. Asemade, nesta cita, o CLAG presentará a Guía da Innovación do sector audiovisual, un manual elaborado polo ente galego para impulsar a innovación nas empresas do sector.

O Foro de Clústers Audiovisuais xurdiu dunha iniciativa do CLAG, que celebrou a primeira edición en maio de 2007  en Santiago de Compostela, na que os  clústers decidiron promover a creación audiovisual en rede e dar continuidade con  periodicidade anual e carácter rotatorio ao Foro.

O CLAG presenta en FICOD as Claves futuras do sector audiovisual

O CLAG presentará o día 19 cinco proxectos punteiros liderados por empresas galegas como mostra do espírito de colaboración como motor de progreso presente no sector audiovisual galego. No marco do Foro “Animación, videoxogos, música: aprendemos a explotar o potencial comercial das Creacións Dixitais?” e baixo o título “Claves futuras do sector audiovisual: alta definición, animación, mundos virtuais e videoxogos” a xerente do CLAG, Carla Reyes, moderará a sesión na que se exporán cinco proxectos innovadores desenvolvidos en Galicia nos ámbitos da animación, os videoxogos, os mundos virtuais e a alta definición, ámbitos nos que a industria audiovisual galega posúe unha elevada solvencia e un gran potencial de crecemento. Os proxectos son os seguintes:

  • Proxecto HDDH, plataforma de distribución de contidos en alta definición, desenvolvida por Adivina Producciones, en colaboración con Lambdastream, Blusens Technology e o CITIC da Universidade da Coruña. O obxectivo fundamental do proxecto é obter resultados prácticos sobre a adaptación aos estándares de alta definición da cadea de valor do audiovisual desde a creación de contidos ata o seu consumo en fogar dixital utilizando a distribución baseada en IPTV.  Presenta Jorge Algora, de Adivina Producciones.
  • Proxecto Emotional Training, liña de videoxogos para Wii e outras plataformas, baseados na intelixencia emocional, producida por Continental Producciones. Presenta Carlos Fernández, de Continental Producciones.
  • Proxecto Metavisual, plataforma formativa nos metaversos para o sector audiovisual, desenvolvida por Ilux Visual Technologies. Presenta Manuel Meijide, director de Ilux Visual Technologies.
  • Proxecto Noite ¿de paz? Holy night!, longametraxe de animación; o primeiro film galego realizado con tecnoloxía 3D estereoscópica,  producido por Dygra Films. Presenta Manuel Gómez, de Dygra.
  • Proxecto “SCQ 2010. O Camiño”, o primeiro metaverso cultural do Camiño e Santiago de Compostela no século XV, con finalidade pedagóxica, desenvolvido por un consorcio empresarial que lidera Ficción Producciones. Presenta Julio Casal, de Ficción.