O Cluster Audiovisual Galego viaxa a Cannes, con oito empresas asociadas, para participar por primeira vez no Marché Internacional du Filme, MIF, que se celebra simultaneamente ao Festival de Cine de Cannes do 13 ao 23 de maio. 

O obxectivo desta misión empresarial é facilitar as condicións para a promoción da industria cinematográfica de Galicia no circuito internacional, favorecendo coproducións, acordos para distribución e, en definitiva,  co propósito de presentar a Galicia como un polo de innovación e atracción para a produción cinematográfica en tódolos seus xéneros e formatos, longametraxe, animación, ficción, series de tv, etc. 

O CLAG promove a presencia no MIF considerando que é unha oportunidade excepcional para obter unha visión global da produción cinematográfica mundial e para favorecer a creación e consolidación de relacións profesionais a escala internacional, xa que este Mercado é un relevante centro de negocios e ofertas de empresas de todo o mundo. A delegación galega está composta por sete compañías dedicadas á produción e distribución de cine de ficción e documental e por un estudo de son cinematográfico: Continental, Dygra, Filmanova, Formato, Milú Films, Voz Audiovisual, Xamalú filmes e Cinemar Films.  

o seu conxunto, o grupo de empresa galegas ten un amplo abano de obxectivos ao planificar as súas axendas en Cannes: dar a coñecer as súas liñas de traballo, establecer contactos para coprodución, comercialización internacional das súas producións, venda de dereitos de explotación, e mesmo a presentación oficial de novas películas, como é o caso de «Noite de ¿Paz?» (Holly Night!), longametraxe de animación de Dygra, que se proxectará o 16 de maio.  

A delegación galega do CLAG contará no MIF cun espazo propio para manter reunións comerciais nun stand corporativo, compartido co cluster vasco Eiken, situado no Lerins Hall da Village Internacional onde se celebra o Mercado.