O CLAG DESCUBRE EN A CORUÑA AS TÉCNICAS DA ANIMACIÓN CINEMATOGRÁFICA EN PLASTILINA E DA DOBRAXE ANTE MÁIS DE 1.000 ESCOLARES

27 / 11 / 2008

Máis de 1.000 escolares de A Coruña van ter oportunidade, por primeira vez, de adentrarse nalgúns dos momentos máis creativos e sorprendentes do proceso de produción de series e películas e descubrir as técnicas da dobraxe e da animación en plastilina, que serán amosadas en dous obradoiros prácticos ‘Ponlle voz’ e ‘Ponlle vida’ que organiza o Clúster Audiovisual Galego, CLAG, dentro da programación da feira Cultur.gal, que se celebra en A Coruña, do 4 ao 7 de decembro.
Os dous obradoiros do CLAG permitirán aos participantes ser protagonistas das experiencias en días sucesivos, os días 4 e 5 o denominado ‘Ponlle voz’ estará adicado á dobraxe e os días 6 e 7 o obradoiro ‘Ponlle vida’ adicado á animación en plastilina, en sesións de mañana e tarde. O primeiro obradoiro abrirá ao público un estudo de dobraxe interactivo, para que os visitantes experimenten en primeira persona como prestar a súa voz a personaxes de series e películas tan populares como Sin Chang, o Espiritu do Bosque ou Detective Conan. Esta experiencia xa foi ofrecida polo CLAG na I edición de Cultur.gal, con gran éxito de participación.

Os escolares filmarán planos con personaxes modelados por eles

A experiencia sobre modelado en plastilina levarase a cabo os días 6 e 7 en sesións de mañana e tarde, nas que os participantes coñecerán cal é o proceso para realizar unha breve peza animada con plastilina e inspirándose no personaxe protagonista da serie «¿E por qué?» de TVG farán a súa propia versión modelada. O máis emocionante para os escolares será filmar en equipo un plano de animación, fotograma a fotograma, co personaxe modelado por eles.

A animación con personaxes de plastilina basease nunha técnica chamada Stop Motion, que consigue o efecto cinematográfico de movemento dos obxetos ao ser fotografiados, facendo pequenas variacións da súa posición ou forma entre un fotograma e o seguinte. Os escolares descubrirán no obradoiro que cada segundo televisivo conta con 25 fotogramas, de xeito que se realizan 25 fotos fragmentando o movemento que debe facer o personaxe: para un plano de 4 segundos, hai que facer 100 fotos. Coa súa experiencia, os participantes descubrirán que cando se ven as fotos en continuidade a 25 imaxes por segundo, se crea a sensación de movemento na escena.

Con esta técnica rodaronse clásicos do cine como «Jasón e os argonautas», ou películas máis actuais como «Chiken Run», » A maldición das verduras», «Pesadilla antes de nadal» ou «A noiva cadáver» de Tim Burton.

A serie «¿E por que?» na que están inspiradas as actividades do obradoiro do CLAG é unha coproducción de Continental Producciones e Algarabía Animación, actualmente está en emisión en TVG e vendida a países como Arxentina, México, China e India. Realizada coa mesma técnica, o vindeiro mes estrenarase «O Soldadiño de Chumbo», tamén de Continental Producciones e Algarabía.

O obradoiro de animación en plastilina, ofrecido por primeira vez en Galicia, foi seleccionado polo CLAG considerando que se trata dunha actividade de gran interese e oportunidade, para que o público máis novo aprecie e valore a actual posición de prestixio e liderado de Galicia na industria de animación española.

Amais de ofrecer estes dous obradoiros, o CLAG terá en Cultur.gal un stand corporativo no que se exporá material promocional das súas 51 empresas asociadas e tráilers de películas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: