Vinganza, realidades distorsionadas e esperanza son os tres eixos sobre os que xiran as temáticas das películas e curtametraxes que os cidadáns e cidadás de Ferrol poderán visionar de forma gratuíta nos Dúplex, todos os mércores, dende o 1 de abril e ata o 24 de xuño, no marco do ciclo “Primavera de Cine”.  

O proxecto está promovido polo Concello de Ferrol, a través da Concellería de Cultura, e conta coa colaboración da Universidade da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega.  Dirixido e programado polos cineastas locais Pablo Portero e Rubén Coca, pretende profundizar nese obxectivo da Administración local de achegar a cultura a toda a cidadanía.

Nesta ocasión, o cine. Aquel menos comercial, afastado das salas habituais. Tal e como sucedera en edicións anteriores, como con Inverno de Cine, na edición de Primavera se repite o esquema habitual: a función comeza ás 20.30 horas cun pase dunha curta galega, “made in Galicia”, e prosegue cunha longametraxe sobre a temática descrita. E, cunha característica común, todas elas están en versión orixinal subtitulada. 

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, e un dos directores do ciclo, Rubén Coca, presentaban esta mañá no pazo municipal a programación do ciclo, que comeza mañá mesmo no último cine que conserva en activo Ferrol, no barrio de Esteiro. Así, daban conta de que abril estará centrado na temática da vinganza. Serán seis longametraxes que exploran este tema, abrindo con Memento e pechando cunha sesión doble de infarto con Kill Bill vol.1 e vol.2 Entre mentres, estarán en cartel Irreversible, V de Vendetta e Perros de Paja. Como antesala, as curtas A revolta dos Mouses, Alma esquecida, Estiven en Galicia e Lembreime de ti. 

Xa en maio, no mes adicado ás realidades distorsionadas, a oferta será un completo menú con manxares como Fear and Loathing in Las Vegas ou The Fall, unha das sensacións dos últimos anos, acompañando a algún dos grandes títulos da cinematografía universal, como Vértigo, e as habituais curtas galegas precedendo ao pase das longametraxes.  

Xuño será un mes adicado á esperanza como refuxio último do ser humano. Un mes con títulos como Happiness ou Lost Horizon. Catro semanas de tenrura, comedia e drama. Un mes cas curtametraxes galegas de Jairo Iglesias, Cores, e o penúltimo experimento do ferrolán Pablo Portero, entre outros traballos do audiovisual galego máis recente. 

Máis ao detalle, os cidadáns e cidadás poderán acceder a todo o cartel a través da páxina web do Concello: www.ferrol.es