O CICLO INVERNO DE CINE OFRECE AS MELLORES CINTAS DO CINE MENOS COMERCIAL

2 / 01 / 2009

“Inverno de Cine” é unha selección das mellores cintas do cine menos comercial. É unha aposta por aqueles galegos e galegas que se poñen detrás da cámara pero cuxos traballos en moitos casos nunca chegarán a verse nunha sala da súa terra. E é cultura accesible. Gratuíta. Nestes termos presentaban a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, e o cineasta local Rubén Coca o ciclo de cine que promoven conxuntamente o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña.
Unha interesante proposta iniciada o ano pasado e cuxa magnífica resposta por parte do público fai obrigado reeditar. Os ferroláns e as ferrolás teñen así unha nova cita no Cine Dúplex, emprazado no barrio de Esteiro e última sala aberta na cidade. Será todos os mércores, ata o 25 de marzo, ás 20.30 horas.

Tras garantir a aposta do Concello por apoiar e promover cantos proxectos avancen no obxectivo de achegar a cultura ao cidadán, Mercedes Carbajales cedía esta mañá a palabra a Rubén Coca que, xunto a Pablo Portero, se encargou de realizar a selección das cintas que finalmente poderán visionarse no Dúplex. Deste xeito, o director explicou que, nesta ocasión, pretenderon fuxir un pouco da realidade actual de crise económica e botarlle algo de Imaxinación e Personalidade a este proceso de selección. Cuestións que deron pé, precisamente, aos títulos dos dous bloques nos que se estructura o ciclo. Imaxinación en febreiro e Personalidade en marzo.

En relación ás películas que se proxectarán en febreiro cómpre sinalar que o cartel do mes inclúe catro longametraxes que exploran a obra de directores como Terry Gilliam ou Tim Burton, así como unha escolma de curtametraxes galegas entre as que se inclúe “Mínimo Común Múltiplo”, que foi rodada en Ferrol. Esta última, que será a encargada de abrir mañá o ciclo, aborda o tema dos soños e os recordos fronte á realidade a través da visión de Andrea, unha moza duns trinta anos que vive nunha rutina laboral e sentimental que se ve truncada o día máis inesperado. Mentres, “Big Fish”, do mencionado Tim Burton, é un conto de aventuras onde a imaxinación cobra un protagonismo especial e que conta cun reparto de luxo encabezado por Ewan McGregor e Jessica Lange.

Mais o público de Ferrol poderá asistir tamén en febreiro a películas doutros importantes directores, como é o caso de Terry Guilliam, que con “Brazil” nos amosará, da man de Robert de Niro e Michael Palin, un universo de futurismo burocrático, ou Jim Henson, cuxa película “Labyrinth” nos trae un conto para nenos e maiores protagonizado polo actor e músico David Bowie. Sen esquecer tampouco a Henry Selick e a súa obra “James and the Giant Peach”, unha fermosa película de animación que parte dun relato do escritor Roald Dahl. A elas sumaránse as curtametraxes “12007”, de Diego Torres, “Os señores do vento”, de Xurxo González, e “Cinco Historias de Amor”, de Mariano Casas.

Por outro lado, e xa en marzo, está prevista a proxección de obras dalgúns dos directores máis vangardistas dos últimos anos, con xoias de David Lynch, David Cronenberg, Spike Jonze e Vincent Galo. Será un mes adicado á sempre presente temática da personalidade, no que se percorrerán terreos de escuridade, mais cun espazo para visións máis doces do mesmo tema. Destacan tamén as curtametraxes galegas de última xeración “Cientos de cerillas quemadas sobre un viejo mantel de hule”, “O hospital”, “O Conxuro” e “O Cazador”.

En todo caso, Mercedes Carbajales concluiu lembrando que a cita é mañá. Unha oportunidade única para desfrutar de “Mínimo Común Múltiplo”, de Rubén Coca, unha das máis destacadas promesas do panorama cinematográfico galego, e de “Big Fish”, do inconmensurable Tim Burton.

Categoría: Noticias
Etiquetas: