A NOVENA EDICIÓN DE PLAY-DOC CELEBRARASE DO 13 AO 17 DE MARZO

1 / 02 / 2013

Play-Doc Festival Internacional de Documentais celebrará a súa novena edición do 13 ao 17 de marzo próximos, en Tui, cidade que desde os seus comezos, en 2005, acolle esta cita cinematográfica.

A piques de anunciar a programación para o 2013, que segundo os seus organizadores manterá o alto nivel que vén alcanzando nas pasadas edicións, Play-Doc pon en marcha un ano máis ‘Play- Doc Support‘. Esta campaña de recadación de fondos pretende paliar os recortes orzamentarios sufridos estes últimos anos. Quen desexen contribuír e colaborar co festival de maneira directa, recibirán descontos e/ou pases especiais para as actividades programadas. As doazóns pódense facer a través da web do festival, www.play-doc.com

O certame galego busca así diminuír o déficit nas súas contas, para seguir crecendo e ampliar a súa proposta con novas e valentes iniciativas como Play-Doc TV, lanzada hai escasos meses xunto a R Televisión. Esta canle interactiva de vídeo baixo demanda supón unha ampliación do seu programa todo o ano. Os subscritores poden gozar de películas presentadas en pasadas edicións, así como de retrospectivas de grandes autores. A maioría destes títulos están inéditos en España.

Con estas dúas iniciativas, Play-Doc pretende dar certa solidez orzamentaria a un proxecto que non deixou de medrar e recibir importantes recoñecementos. Ao longo destes oito anos, o festival logrou establecer e consolidar un modelo diferente, de dimensións reducidas. A pesar dos seus limitados recursos económicos, conseguiu alcanzar unha notable repercusión dentro e fóra de España. Conta, ademais, cunha audiencia masiva, fiel e heteroxénea.

Importantes cineastas, mundialmente recoñecidos, da talla de Jay Rosenblatt, Marcel Lozinski, Ross McElwee ou o lendario Artavazd Pelechian, pasaron xa por este festival de atmosfera festiva e carácter íntimo. Así mesmo, o certame vén realizando, desde o seu nacemento, un importante labor de promoción e apoio aos novos talentos audiovisuais. Iniciativas coma obradoiros ‘Docs in Progress’ ou ‘O retrato filmado’, para a formación de novos cineastas, certifican esta vertente do festival.

Máis información en www.play-doc.com

Categoría: Noticias
Etiquetas: