NOVAS DO SECTOR: O CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO INCIDE EN BILBAO NO COMPROMISO DO SECTOR DE ADOPTAR COMPORTAMENTOS SOCIALMENTE RESPONSABLES

15 / 11 / 2006

Crearase un Observatorio do Audiovisual Responsable e unha Guía de Autoavaliación para difundir boas prácticas no sector
O presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa, participou esta mañá como invitado en Bilbao nunha xornada organizada por Eiken Basque Audiovisual, onde se analizaron os retos de competitividade que se plantexa a industria audiovisual, como sector clave dentro da Sociedade da Información e ante o aumento da demanda de produtos audiovisuais.
Crearase un Observatorio do Audiovisual Responsable e unha Guía de Autoavaliación para difundir boas prácticas no sector

O CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO, INCIDE EN BILBAO NO COMPROMISO DO SECTOR DE ADOPTAR COMPORTAMENTOS SOCIALMENTE RESPONSABLES

Santiago, 14 de novembro de 2006. O presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa, participou esta mañá como invitado en Bilbao nunha xornada organizada por Eiken Basque Audiovisual, onde se analizaron os retos de competitividade que se plantexa a industria audiovisual, como sector clave dentro da Sociedade da Información e ante o aumento da demanda de produtos audiovisuais.

O encontro tivo lugar no marco da celebración da Semana Europea da Calidade e reuniu a un centenar de empresas e expertos de todo o Estado para intercambiar experiencias e boas prácticas para o sector audiovisual. O foro contou coa participación de Iñaki Suárez, director de Sociedade da Información e do Coñocemento de SPRI, José Félix Gonzalo, director de Organización e Calidade de Euskaltel, Antón Reixa, presidente do Clúster Audiovisual Galego, Gorka Marcos, membro do Comité de Calidadw de VICOMtech, e Francisco Ibáñez, director de Proxectos de I + D + i da empresa Brainstorm Multimedia, lider na provisión de aplicacións informáticas (gráficos e 3D) ao sector audiovisual.

Antón Reixa, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, na súa intervención, expuso as accións que leva a cabo o Clúster e reflexionou sobre as boas prácticas no sector galego. Antón Reixa describiu o proxecto de Responsabilidade Social e Corporativa (RSC) que se acordou coa Consellería de Industria e Innovación para o período 2006-2007 para o cal o Clúster conta cunha subvención de 17.800 euros. Os obxectivos deste proxeto son facilitar un maior e mellor coñecemento e sensibilización en materia de responsabilidade social e corporativa e facer unha análise profunda da situación actual da RSC, explicou Reixa.

O proxecto comprende a xeración dun Observatorio do Audiovisual Responsable a partir dunha batería de indicadores sobre RSC que permitan realizar un seguimento dos comportamentos das empresas audiovisuais. A través desta iniciativa quérese favorecer a difusión dos beneficios de adoptar comportamentos socialmente responsables en materia de igualdade de oportunidades e poñer a disposición das empresas unha Guía de Autoavaliación de RSC.

Próximos proxectos

No encontro Antón Reixa aportou a experiencia do Clúster Galego, amosando os diferentes plans de acción previstos para o vindeiro ano. Coa colaboración da Consellería de Cultura, o Clúster levará a cabo a celebración dun Taller de Comercialización de Guión no cal participarán expertos europeos, latinoamericanos e españois. Neste proxecto habemos de seleccionar 10 produccións galegas e deste xeito poderán chegar aos mellores circuitos de distribución, explicou o presidente do Clúster.

Por outra banda, está prevista a sinatura dun convenio coa Fundación R para a creación dunha oficina de TVI, que ten por misión coordinar o proxecto da televisión interactiva en Galicia. A través desta oficina as nosas empresas poderán obter asesoramento técnico para o desenvolvemento de formatos interactivos e información permanente sobre aspectos técnicos. Esta oficina servirá como centralizadora da información xerada e como impulsador do proxecto da TVI en Galicia, comentou o relator galego.

Antón Reixa tamén fixo referencia ao proxecto subvencionado por Igape. Este proxecto preveé o desenvolvemento durante 2007 de 6 actuacións de carácter formativo especializado para a mellora da capacitación dos recursos humanos nas empresas do sector, detallou Reixa.

No ámbito privado, o Clúster asinou este ano cadanseus convenios coas entidades finaceiras galegas Caixanova e Caixa Galicia. A Obra Social de Caixa Galicia financia as actividades do Clube de Producións do Clúster dende onde se articula o I + P (Ideas para Producir), un foro de coprodución de proxectos audiovisuais. Do mesmo xeito este convenio permite aos produtores manexar os mellores mecanismos de financiamento, comunicación, distribución e emisión, engandio Reixa. A súa vez, Caixanova financia as actividades desenvolvidas desde o Clube de Ideas cuxo objectivo é o estudo e desenvolvemento de novos formatos e a aplicación das novas tecnoloxías. Antón Reixa declarou que este Clube de Ideas pretende constituirse nun verdadeiro Centro de Desenvolvemento do Clúster.

O Clúster Audiovisual de Galicia naceu en febrero de 2003 e na actualidade está formado por 43 empresas asociadas que representan ás empresas máis puxantes do sector audiovisual galego. Tal e como sinalou Antón Reixa, o Clúster desenvolve proxectos empresariais co fin de convertir a Galicia nun referente da industria audiovisual a nivel nacional e internacional.

Saúdos do Gabinete de Prensa 986.575.201

Categoría: Noticias
Etiquetas: