O Bosque de Levas, baseada nunha novela de Alfonso Álvarez Cáccamo, e con guión de Antón Lopo e Antón Dobao, comezou a rodarse o 16 de outubro, rematándose o pasado día 11 de novembro. Unha vez editada e postproducida, será entregada á TVG e TV3 en febreiro do vindeiro ano.
TODO O QUE CÓMPRE SABER SOBRE O BOSQUE DE LEVAS
O Bosque de Levas, baseada nunha novela de Alfonso Álvarez Cáccamo, e con guión de Antón Lopo e Antón Dobao, comezou a rodarse o 16 de outubro, rematando o pasado día 11 de novembro. Unha vez editada e postproducida, será entregada á TVG e TV3 en febreiro do vindeiro ano.
A película ten un investimento de perto de 700.000 ¤, cunha achega maioritaria por parte da TVG, e con aportacións tamén de TV3, a Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, e máis a Generalitat de Cataluña. Serán precisamente estas televisións as que, nun comezo, estreen a película, malia que se están a realizar os contactos necesrios con outras televisións autonómicas e con TVE para a súa posible venda.

SINOPSE DE O BOSQUE DE LEVAS
Lucía e Alberte son un matrimonio que vive nunha urbanización da periferia urbana, cerca da raia de Galicia e Portugal. Teñen tres fillos adolescentes -Paula, Xosé e Alexandre- que estudan no mesmo instituto onde eles dan clases. A súa é unha vida tranquila, incluso rutineira, nun ambiente familiar distendido e harmónico, até que comezan a suceder cousas estranas: desaparecen obxectos, os cuartos énchense dun poderoso cheiro a allo -e a ninguén na familia lle gusta o allo- ou senten ecos vagos a determinadas horas da noite. Ao primeiro non lle dan importancia. Considérano anécdotas. Confórmanse, non sen retranca cómplice, con botárense mutuamente a culpa de ocultar tal ou cal cousa ou de beber anís ás agachadas.Os acontecementos, porén, precipítanse e non lles queda máis remedio que aceptar unha obviedade: hai algo convivindo con eles na súa propia casa.
Primeiro, atopan que alguén preparou a mediados de semana torradas para o almorzo. Os sábados e domingos si é frecuente que alguén se levante con calma e se tome a molestia de torrar o pan, pero nun mércores iso resulta inconcibible. Tampouco é que lles preocupe o autor daquel auténtico milagre. ¿A quen pode importarlle quen preparou as torradas se están riquísimas?
Logo, nunha noite prácida de lúa chea, a familia esperta sobresaltada por unha voz que entoa, choqueira, unha canción polos corredores. Acenden as luces e remexen a casa, pero non atopan nada nin a ninguén. Alberte decide entón buscar no soto e, para a súa sorpresa, preséntaselle un espectro que responde ao nome de Marcelo, republicano loitador contra o absolutismo borbónico que foi executado, para desgracia súa, a garrote. Alberte, confuso, pídelle a Marcelo que lle deixe tempo para reflexionar antes de dalo a coñecer ao resto da familia. A impresión é tan forte que debe ser asimilada pouco a pouco. Un día despois, preséntallo á súa muller e aos seus fillos, que quedan encantados co espectro, traxicómico e triste, errante, incapacitado para morrer de afeito até que reciba a morte xusta para un revolucionario: o fusilamento.
A familia adopta a Marcelo como un membro máis e o espectro asiste á cea de nada. Mesmo, celebra a fin de ano cos fillos, montado nunha moto -sente fascinación polos motores- e protexido por un casco de motorista que lle permite manter a cabeza ergueita e as mans libres, pois o garrote rompeulle as cervicais do pescozo e debe soster a cabeza para que non lle caia.
Co paso do tempo, a convivencia non resulta fácil, aínda que Alberte e Lucía se esforcen para facerlle a vida espectral máis cómoda. Mércanlle un colariño vertical que lle dá a definitiva liberdade e lévano pasear pola costa. Marcelo adora o mar.
A viaxe acaba a ritmo cardíaco cando o matrimonio o invita a cruzar o Miño nun transbordador, e as ratas, que devecen polos espectros, asaltan o barco para devoralo. E é que vivir cun espectro sen acougo pode volverse un quebracabezas, máis cando o espectro viviu no século XIX e, ademais, ten costumes excéntricos. A el o que máis lle gustaría sería morrer definitivamente pero de forma digna, e pasea a súa frustración pola casa en continua errabundez discursiva.
A píngoa que colma o vaso pona a afección de Marcelo polos motores. Ás agachadas, colle o coche familiar e decide facer unha excursión, pero o intento acaba rápido: empotra o coche contra unha farola mesmo diante da porta da casa. Daquela, Alberte toma parte activa no asunto e finxe un xuízo, coa axuda do seu amigo Manolo, que acabe cunha condea de fusilamento.

DESCRICIÓN DOS PERSONAXES DE O BOSQUE DE LEVAS
Alberte (Alfonso Agra)
Nacido a principios dos anos sesenta, profesor de matemáticas pero afecioado á historia, Alberte Nogueira ten unha máxima aspiración na vida: converterse en escritor. A pesar de levar anos escribindo, nunca logrou aquela obra que lle sirva para darlle o impulso definitivo, hasta que aparece Marcelo que cre ver nel unha fonte de inspiración definitiva. Home de esquerdas, republicano e galeguista, Alberte vive completamente arroupado pola súa familia, que nel cre ter un pequeno xenio. Probablemente por esta razón, Alberte está superando a corentena cunha falta de madurez persoal que, ó mesmo tempo, lle otorga un optimismo infantil.

Lucía (Mónica Camaño)

É a muller de Alberte, unha muller segura que, en realidade, soporta o peso da familia. Profesora tamén -ela de galego-, Lucía lle aporta a Alberte un punto de referencia e seguridade. Práctica e decidida, Lucía ten as cousas claras pero cumprida a corentena, empeza a ter dúbidas de si a súa parella funciona como ela imaxinara.

Marcelo (César Cambeiro)

O espectro de O bosque de levas é un home que naceu no século XVIII e que arrastra o desexo de morrer dignamente ó longo do século. Imaxinativo, revolucionario, republicano entusiasta e culto, Marcelo está fascinado pola súa época histórica, aínda que tamén unha certa frustración polo feito de que ningún libro de historia recolla o seu nome. O que máis lle fascina da modernidade, como bo fillo da Revolución francesa, é o progreso tecnolóxico.

Manolo (Miquel Insúa)

Compañeiro de departamento de Alberte é profesor tamén de matemáticas, Manolo é un home que non quere complicacións e que, tal vez, por iso vive solteiro. A confianza que nel deposita Alberte é o que lle da a venia de atopar unha solución para o problema que Marcelo crea.

Paula (Nerea Brey)

É a filla maior do matrimonio de Lucía e Alberte, unha adolescente romántica que queda fascinada polo espectro ata o punto de collerlle un aprecio especial.

Xosé (Carlos Fernández)

É o segundo fillo do matrimonio. Rebelde e contestatario, Xosé ten unha única paixón: as motos.

Alexandre (Adrián Seijas)

É o fillo máis pequeno do matrimonio; é un adolescente que aínda está a cabalo da infancia, soñador e inquieto.

FICHA TÉCNICA

TÍTULO: O BOSQUE DE LEVAS, baseada na novela homónima de Alfonso Álvarez Cáccamo
FORMATO DA PRODUCIÓN:
Longametraxe para televisión
DURACIÓN:
90 minutos
SOPORTE:
16mm
COPRODUTORAS:
Ficción Producciones, Diagonal TV, Televisión de Galicia e TV3

EQUIPO TÉCNICO

Director do Proxecto Antón Dobao
Guionista Antón Lopo e Antón Dobao
Produtora Delegada TVG Chusi Riveira
Directora de Produción Mamen Quintas
Produtor Executivo Julio Casal
Director de Fotografía Juan Hernández
Xefe de Son Joan Riba
Dirección Artística Alexandra Fernández e Fernanda Castelo
Figurinista Ana López
Maquillaxe/Perruquería Trini Fernández e Paloma Ucieda
Xefe de Eléctricos Roberto Quinteiro
Montaxe Luís Faraón

FICCIÓN PRODUCCIONES S.L.