MUHSILWÁN E SARAH HABASHA PECHAN O CICLO GHAZAL CUN CONCERTO EN CAPITOL

22 / 10 / 2012

O Ciclo de Música Ghazal, que organiza a Fundación Araguaney-Puente de Culturas en colaboración con AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais), celebrará o seu último concerto este venres 26 de Outubro ás 20,00 h na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Será un concerto gratuíto, previa recollida das invitacións na recepción do Hotel Araguaney (Alfredo Brañas, 5).

Muhsilwán é un trío musical de raíz africana e con compoñentes naturais do continente. Muhsilwán é a unión dos nomes Muhammed El Bouzidi, da cultura gnawa; Syla Babakar, embaixador da música en Guinea Conakry e Wafir, un músico sudanés. É un grupo que utiliza instrumentos pouco frecuentes orixinais de cada un dos países dos músicos. Muhsilwán é unha agrupación multicultural, polo que fan unha música moi rica, que reúne influencias diferentes e timbres variados, que casan entre si cunha boa harmonía musical e persoal. Veñen a Santiago acompañados de Sarah Habasha, cantante etíope que completará o concerto permitindo que o público faga unha viaxe polas distintas culturas e enfeitícese coa dozura do canto melismatico de Sarah, os ritmos hipnóticos da música gnawa, a expresión feminina máis íntima e o encontro da voz e as cordas do guimbri, o oud e o ngoni, instrumentos árabes.

Categoría: Noticias
Etiquetas: