Curtocircuíto Festival Internacional de Curtametraxes, que se celebra este ano do 6 ao 11 de outubro, convida ao director canadense Mike Hoolboom a realizar unha retrospectiva, a primeira que se lle dedica en España. Referencia absoluta do cinema experimental, é autor de máis de 50 películas. Ao descubrir a súa condición de seropositivo a finais dos 80, comezou a realizar filmes de xeito compulsivo. Habitual da escena underground queer no seu Toronto natal, este feito marcou a súa carreira. A crise do sida vehicula, como elemento traumático, os seus filmes e vídeos, nun terreo intermedio entre o documental e a vangarda. Se tivésemos que resumir a súa filmografía, ben poderiamos usar estas palabras do crítico Michael Pattison (Sight&Sound): “A inesgotable enerxía creativa de Hoolboom é unha constante en todas e cada unha das súa obras; as súas producións son dun maximalismo estético, amalgama total, complexidade emocional e densidade temática”.

O programa que Hoolboom propuxo a Curtocircuíto componse de tres sesións. Na primeira, mostrarase a súa longa Public Lighting (2004), cunha nova montaxe que vén de rematar, especificamente para o festival. Formada por unha introdución e seis estudos sobre a personalidade narcisista e obsesiva que constrúen os medios sobre as figuras públicas, esta película ten sido descrita como un meta-biopic polo xeito no que Hoolboom mestura vivencias persoais – con ex-parellas – con diferentes técnicas cinematográficas.

Así, a cinta non é só unha reflexión sobre o carácter melancólico do recordo, da biografía; senón que funciona tamén como unha pequena historia do cinema de vangarda e, ademais, como análise de todo o seu cinema anterior. O meta-fílmico aplícase logo a dous niveis, o persoal e o historiográfico.

Este carácter fragmentario dun mesmo tema está tamén presente en Frank’s Cock (1993). Con catro pantallas na mesma proxección, o relato corre da man do actor Callum Rennie, que conta unha historia real dun amante que morreu enfermo de sida. Como ocorre en toda a obra de Hoolboom, esta está fortemente ligada ao seu tempo. Repítense os vínculos estéticos e narrativos cos primeiros vídeos musicais de MTV, hai claras referencias á cultura popular deses anos no discurso oral do intérprete.

Neste contexto, falar da enfermidade supón poñerse nunha situación de vulnerabilidade. Este discurso é o que centra a narrativa de Tom (2002), mediometraxe que, xunto con Frank’s Cock, completa a segunda sesión. Filme sobre o realizador de Nova York Tom Chomont, con condición tamén de seropositivo, el mesmo conta a súa vida cunha inusitada franqueza. Facendo un uso impresionante da metraxe atopada e o arquivo, Hoolboom volve internarse no meta-cinematográfico, tomando filmes de todo tipo dende as orixes do cinema, para ilustrar a historia de Chomont.

Por último, Damaged (2000) e Buffalo Death Mask (2013) inician a terceira sesión, que termina cun adianto dos novos traballos do realizador. Buffalo Death Mask é un dos seus traballos máis celebrados, no que a palabra – de gran importancia na obra do canadense – cobra unha especial relevancia para describir, de novo, os temores e ilusións da comunidade queer. Pola súa banda, Damaged centra tamén o seu discurso no oral, ilustrando un relato da vida dun home a través de fotografías. Esta mestura que moitas veces Hoolboom fai entre a palabra escrita e a oral nos seus filmes, así como a fusión de material de arquivo en branco e negro con outros planos en cor, dotan dunha particular sensación estética ao seu cinema.

A participación de Mike Hoolboom no festival complétase coa súa inclusión como membro do xurado Explora, e máis cunha clase maxistral que ofrecerá no CGAC o venres 10 de outubro, ás 17 horas. A conferencia versará sobre os seus métodos de traballo, centrados nun cinema procesual que dá moita importancia á investigación, buscando obter as imaxes necesarias para comunicar o que procura. A conferencia estará acompañada de extractos de filmes seus, que el mesmo seleccionará para ilustrar estes procesos. É unha actividade aberta ao público, previa inscrición na web de Curtocircuíto pola limitación de aforo na sala.