O aclamado director de orixe palestina Michel Khleifi viaxará a Santiago de Compostela para asistir á proxección da súa última longametraxe Zindeeq, que terá lugar o vindeiro sábado 23 de outubro ás 19.00 no Teatro Principal.

Esta película conta a historia dun director de cinema afincado en Europa, que regresa a Ramala para rodar un documental sobre a expulsión dos palestinos en 1948, e que verá sacudida a súa existencia cando o seu sobriño mata a un home en Nazaret. Tras esta proxección, que dará o pistoletazo de saída á oitava edición do Festival Amal,  o director manterá un coloquio con todos os asistentes.    

Michel Khleifi é un guionista, director e produtor palestino afincado en Bélxica. Cursou os seus estudos de dirección de teatro e televisión no Instituto Nacional Superior de Artes do Espectáculo (INSAS) de Bruxelas. Dirixiu e produciu numerosos documentais e longametraxes de ficción. A súa ampla traxectoria foi recoñecida con prestixiosos premios que inclúen, entre outros,  o Premio da Crítica Internacional no Festival de Cinema de Cannes ou a Cuncha de Ouro de San Sebastián.