«MATALOBOS», SERIE FAVORITA DOS LECTORES DE «VANITY FAIR»

15 / 04 / 2013

A serie galega «Matalobos», producida por Voz Audiovisual e emitida pola Televisión de Galicia, foi elixida polos lectores da edición española da revista «Vanity Fair» como a súa favorita dos últimos tempos. Única ficción autonómica da lista, fíxose co 43% dos votos.

O pasado 7 de marzo, terminaba o prazo proposto pola edición española da revista Vanity Fair para votar a serie favorita dos últimos tempos. Nunha lista de 60 títulos, só 17 deles eran españois. Matalobos destacaba desde un principio, ao ser a única ficción autonómica incluída neste ránking.

Finalizada a votación, a serie galega alzouse co primeiro posto cun 43% dos votos, seguida das americanas Anatomía de Grey  e Friends, ambas cun 22%. As series españolas mellor situadas na lista son Cóntame e A que se aveciña, cun 6% dos votos.

Catro anos en antena

Matalobos chegou á Televisión de Galicia en abril do 2009 e pronto foron moitos os que a catalogaron de serie de culto. O récord de audiencia por capítulo bateuno o 20 de abril do 2009, cun 31,4% de share e 302.000 espectadores de media. Tras cinco tempadas, o pasado mes de xaneiro, a Televisión de Galicia emitía os últimos capítulos da serie.

Palmarés

Matalobos conta con oito premios da Academia Galega do Audiovisual, entre eles tres consecutivos á mellor serie do ano: 2009, 2010 e 2011; e o premio da Fundación Garda Civil, pola súa fidelidade á hora de reproducir o labor da benemérita na loita contra o narcotráfico. No último ano fíxose tamén co Prix Circom á Mellor Ficción Europea, o premio máis importante outorgado xamais a un programa da Televisión de Galicia.

Ambientada no área metropolitana da Coruña, Matalobos narra a historia dunha familia dedicada ao narcotráfico, nunha vila galega ficticia chamada Sardiñeira.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: