MATALOBOS, DOENTES, ARRUGAS, TRALAS LUCES E EDUARDO BARREIROS ACAPARAN AS NOMINACIÓNS AOS PREMIOS MESTRE MATEO 2011

6 / 03 / 2012

A CORUÑA, 6 DE MARZO DE 2012. A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer esta mañá na Coruña aos finalistas da décima edición dos Premios Mestre Mateo, boa parte dos cales acapararon cinco proxectos de diversas disciplinas como a serie de televisión Matalobos, con 15 nominacións; a longametraxe de ficción Doentes, con 13; a longa de animación Arrugas, con 8; a longa documental Tralas Luces, con 6; e a longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, tamén finalista en 6 categorías.

 

 
Concorreron aos premios 132 obras, 85 produtoras e 385 profesionais, cifras similares ás de anos pasados. A cantidade e a calidade dos proxectos presentados dan boa conta de que «o talento en Galicia non está en crise», como asegurou a produtora Emma Lustres, membro da xunta directiva da Academia.

Os encargados de ler os nomes dos nominados foron Sara Horta, secretaria da Academia Galega do Audiovisual e productora executiva da gala dos PMM11; Alex Carro, socio da Academia e actor, coñecido pola súa interpretación do sacristán Santi, de Padre Casares; e Fernando Morán, socio da Academia e actor de longo percorrido, que nos últimos anos ten participado en series como Matalobos ou Piratas e na película de José Luis Cuerda Todo é silencio. Horta explicou que agora comeza a segunda rolda de votacións, na que os 245 socios e socias da Academia decidirán quen recibe o máis prezado galardón do audiovisual galego.

 A serie da TVG Matalobos acapara o maior número de candidaturas: son, montaxe, realización, dirección de produción, maquillaxe e perruquería, deseño de vestiario, dirección de fotografía, guión, interpretación masculina de reparto para Antonio Mourelos, Ricardo Barreiro e Xavier Deive, interpretación feminina de reparto para Camila Bossa, interpretación masculina protagonista para Luís Iglesia, interpretación feminina protagonista para Luisa Merelase mellor serie de televisión.

 Séguea de cerca a longametraxe Doentes, con 13 nominacións: son, montaxe, dirección de produción, deseño de vestiario, dirección artística, dirección de fotografía, música orixinal, guión, interpretación masculina protagonista para Antonio Durán “Morris” e Xosé Manuel Olveira “Pico”; interpretación feminina protagonista para María Vázquez, dirección para Gustavo Balza e mellor longametraxe.

 En torno á media ducia de nominacións están Arrugas, Tralas Luces e Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego. Arrugas opta a mellor son, montaxe, dirección de produción, dirección artística, música orixinal, guión, dirección e mellor longametraxe de animación. Pola súa banda, a longa documental dirixida por Sandra Sánchez Tralas Luces está nominada a mellor son, montaxe, dirección de fotografía, guión, dirección e mellor longametraxe documental. Finalmente, Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego pode acadar os premios á mellor dirección de produción, maquillaxe e perruquería, deseño de vestiario, dirección artística, dirección e mellor película para televisión. 

 

 

Podedes descargar o pdf coa listaxe de todos os finalistas. PDF 

Etiquetas: