MASTER CLASS E PROXECCIÓNS JOSÉ LUIS GUERIN NO CGAI

22 / 06 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe organiza o xoves 23 e o venres 24 de xuño unha presentación da última película de José Luis Guerin, Guest (2011), acompañada dunha Master Class (venres 24 de xuño, 18.00 horas) a cargo do propio Guerin, autor de filmes da significación de Innisfree (1990), Tren de sombras (1997), En construcción (2001) e En la ciudad de Sylvia (2007), na que describe o proceso de traballo en Guest. A asistencia á Master Class é libre e gratuíta previa inscrición (contacto a través do correo electrónico info@cgai.org), con prazas limitadas.


FÓRA DE SERIE:

MASTER CLASS: JOSÉ LUIS GUERIN / GUEST:

En setembro de 2007 José Luis Guerin presenta En la ciudad de Sylvia no Festival de Venecia. A partires dese momento embárcase nunha xira por todo o mundo presentando a película en festivais e filmotecas. “Desafieime a min mesmo aceptando sen exclusión todas aquelas citas de certames e festivais que me requiriran como convidado”, afirma o propio Guerin, explicando a razón pola que no curso dun ano viaxou a 48 cidades, entre as que se contaron, por exemplo, A Coruña e Santiago de Compostela. Froito desa viaxe é a película Guest, estreada de novo en Venecia en 2010: “Chego a unha cidade descoñecida e vagabundeo cámara en man, sen outro rumbo nin idea preconcibida, máis que a dunha predisposición aberta ao encontro, á revelación latente no fortuíto”. A Master Class de José Luis Guerin aborda precisamente a rodaxe de Guest, así como a súa laboriosa posprodución, procesos durante os que a película foi atopando a súa forma e o seu sentido. É a oportunidade, ademais, para recuperar Unas fotos en la ciudad de Sylvia, a película paralela a En la ciudad de Sylvia que, en certo sentido, anticipa os modos de produción de Guest. E representa, sobre todo, a oportunidade de darlle visibilidade a esta última película, maltratada e confinada a unhas condicións de semiclandestinidade na súa distribución e exhibición.
A asistencia é libre e gratuíta previa inscrición (contacto a través do correo electrónico info@cgai.org), con prazas limitadas.
 

 

XOVES 23 DE XUÑO (18.00 horas) e VENRES 24 DE XUÑO (20.45 horas)
GUEST   
(España, 2011)
Dirección e fotografía: José Luis Guerin. Produción: Versus Entertainment e Roxbury Pictures. Duración: 133 minutos.
Durante a promoción por diversos festivais do mundo da película de José Luis Guerin En la ciudad de Sylvia (2007) -periodo de tempo entre setembro de 2007 e setembro do ano seguinte-, o propio director vagabundea cunha pequena cámara ao encontro dun motivo ou personaxe para a súa próxima obra, o que lle permite elaborar un singular filme-viaxe. Acompañado dunha Master-Class do autor que conterá unha valiosa e completa descrición do proceso de traballo.    

XOVES 23 DE XUÑO (20.45 horas)
UNAS FOTOS EN LA CIUDAD DE SYLVIA    
(España, 2007)
Dirección e fotografías: José Luis Guerin. Produción e montaxe: Nuria Esquerra. Duración: 67 minutos.
Antes d’En la ciudad de Sylvia, Guerin traballa nunha serie de apuntes a base de retratos, fotos fixas e localización de exteriores. O material constitúe unha fascinante e insólita experiencia visual narrativamente independente do outro filme.

Categoría: Noticias
Etiquetas: