O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que se celebra en Tui do 30 de marzo ao 3 de abril, acolle na súa sétima edición a primeira retrospectiva que se realiza no noso país do director polaco Marcel Lozinski. Xunto ao seu compatriota Krzysztof Kieslowski, Lozinski foi un dos cineastas máis importantes da súa xeración. Os seus traballos realizados na Polonia comunista, que a miúdo revelan a falsidade e hipocrisía do sistema, foron na súa maioría censurados polas autoridades.

O seu controvertido método de ‘abrir a realidade’, ou de intervir nela, provocando situacións ou utilizando ata actores profesionais, fai que a liña divisoria entre documental e ficción desapareza das súas películas. Esta peculiaridade é un dos acenos de identidade deste recoñecido e innovador cineasta, aclamado internacionalmente e con numerosos galardóns no seu haber entre os que destaca un nomeamento aos Oscar en 1994 por 89mm od Europy (A 89mm de Europa).

A proposta cinematográfica de Lozinski forma parte dunha programación cuxa tendencia xeral é a hibridación entre xéneros. Este tema será amplamente debatido nunha serie de encontros entre directores, profesionais e público, nos que se tratarán tamén outros aspectos, como as novas formas de creación, formación, produción e difusión cinematográficas.

Membro da Academy of Motion Picture Arts and Sciences, institución que concede os Oscar, e da European Film Academy e profesor na FEMIS de Paris e a prestixiosa Escola de Dirección Andrzej Wajda de Varsovia, Marcel Lozinski ofrecerá unha interesante clase maxistral aberta ao público e orientada a profesionais durante os días de celebración do festival.

Así mesmo, o director de culto norteamericano Lech Kowalski, que xa visitou Play-Doc no 2008 para presentar a súa triloxía ‘The Fabulous Art of Surviving’, volve nesta ocasión para ofrecer a estrea en España do seu último traballo, The End of the World Begins with One Lie, no que deconstrúe e reinterpreta o clásico de 1948 de Robert Flaherty Louisiana Story para denunciar o verquido de petróleo da BP que tivo lugar en 2010 no Golfo de México.

Lech Kowalski, cineasta underground e inconformista cuxa filmografía cobre trinta anos de marxinalidade e contracultura, presentará tamén Camera War, un proxecto online e interactivo a modo de ‘guerrilla visual’, co que a través dunha serie de capítulos independentes entre si fala da nova orde mundial e desafía á industria cinematográfica cunha nova forma de producir e ver películas. Con ambas propostas, Kowalski pretende fuxir da idea de consumismo que segundo afirma está estendida tamén ao cinema.