MÁIS DE 2600 CURTAS COMPORÁN O CATÁLOGO DO III MERCADO INTERNACIONAL DE CURTOCIRCUÍTO

14 / 07 / 2008

O III Mercado Internacional forma parte das actividades organizadas polo Festival de Curtametraxes Curtocircuíto, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Comercio, Emprego e Turismo e da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago. O prazo para inscribirse no catálogo do Mercado seguirá aberto ata o 24 de xullo. O xoves 17 Curtocircuíto na Rúa proxectará curtas gañadoras de premios tan relevantes como os Oscars, Goyas ou Baftas na Praza de Abastos.
Entre o 20 e o 24 de outubro, paralelamente á Semana Oficial do Festival, Santiago converterase no principal punto de encontro dos profesionais internacionais do sector das curtametraxes. Os acreditados no Mercado terán a oportunidade de establecer contactos comerciais, asistir a mesas de debate e presentacións dos catálogos das principais distribuidoras ademais de acceder ao catálogo do III Mercado.

O III Mercado Internacional suporá tamén unha importante plataforma de difusión para as 46 curtas galegas inscritas no catálogo, que estará a disposición de compradores, distribuidores, programadores e outros profesionais do sector audiovisual.

O III Mercado Internacional, impulsado pola Concellaría que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias, ten o obxectivo de promover a profesionalización e comercialización do cinema de curta duración e contribúe a situar o festival compostelán no circuíto internacional de festivais .

O prazo para inscribir curtas no Mercado segue aberto a través de www.shortfilmdepot.com ata o 24 de xullo.

As actividades de Curtocircuíto esténdense máis alá da Semana Oficial de outubro. O xoves 17 de xullo Curtocircuíto na Rúa proxectará o programa Grandes Curtas na praza de abastos. A partir das 22.30 o ciclo de curtas programa 6 filmes gañadores de premios tan importantes como Oscars, Goyas ou Baftas.

Toda a información sobre as actividades de Curtocircuíto atópase na páxina web do Festival: www.curtocircuito.org

Categoría: Noticias
Etiquetas: